O PSOE, a favor de nomear a Tere Abelleira Filla Predilecta de Pontevedra e de "calquera proposta que supoña un recoñecemento"

Pontevedra
24 de agosto 2023

Paloma Castro mostrou a súa "sorpresa" pola decisión do Concello de Pontevedra de organizar a homenaxe deste xoves na Praza da Pedreira, pois considera que é "un pouco cutre" elixir "un lugar tan pequeno", cando a futbolista "merece como mínimo encher a Praza de España"

Paloma Castro, concelleira del PSOE en Pontevedra
Paloma Castro, concelleira del PSOE en Pontevedra / PSOE de Pontevedra

A proposta formalizada polo PP local para que a futbolista pontevedresa Tere Abelleira sexa nomeada Filla Predilecta de Pontevedra suma apoios. O grupo municipal do PSOE tamén apoiaría este nomeamento

Así o confirmou este xoves a concelleira Paloma Castro. A preguntas dos medios de comunicación, a socialista sinalou que no seu partido "apoiamos calquera proposta que supoña un recoñecemento do traballo de Tere Abelleira"

Sobre a posibilidade de rebautizar o estadio municipal de Pasarón co nome da futbolista campioa do mundo explicou que entende que é unha proposta que debe levar a cabo "de forma consensuada" e que apoia calquera recoñecemento ao "esforzo" realizado durante anos no mundo do fútbol

Paloma Castro felicitou a todas as futbolistas da Selección Española de Fútbol por gañar o Campionato do Mundo e destacou que é "unha honra ter a Teresa Abelleira no equipo gañador"

A concelleira socialista mostrou a súa "sorpresa" pola decisión do Concello de Pontevedra de organizar a homenaxe a Tere Abelleira deste xoves na Praza da Pedreira, pois considera que é "un pouco cutre" elixir "un lugar tan pequeno", cando a futbolista "merece como mínimo encher a Praza de España". 

Ademais, insiste en que esta homenaxe non é só un recoñecemento deportivo, senón tamén un recoñecemento ao deporte feminino. Como nai dunha nena futbolista, coñece de primeira man o "esforzo extra" que supón para as mulleres xogar nun deporte tan masculinizado e a importancia deste tipo de celebracións. 

Castro aproveitou a súa comparecencia pública este xoves para condenar o comportamento "despreciable e machista" do presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, en alusión ao bico que deu á xogadora Jenni Fermoso, no que ve "claramente" un delito de abuso sexual coa circunstancia agravante de abuso de superioridade. 

Para a concelleira socialista, é precisa unha resposta da Federación Española de Fútbol contra esta actuación de Rubiales e o comunicado realizado pola futbolista demostra que "unha muller, ao sentirse apoiada, denuncia". Para ela, "por iso é tan importante apoiar ás mulleres".