O PSdG leva a pleno a petición de declarar a Rajoy persoa non grata en Pontevedra

Pontevedra
04 de febreiro 2016

A motivación do grupo municipal socialista responde á prórroga concedida a Ence polo Goberno en funcións durante sesenta anos máis

Mariano Rajoy en Pontevedra
Mariano Rajoy en Pontevedra / Mónica Patxot

O grupo municipal do PSdG-PSOE en Pontevedra vai levar ao próximo pleno da Corporación unha moción na que propoñen declarar a Mariano Rajoy persoa non grata neste concello.

Dita declaración fundaméntana nas decisións que tomou o goberno central en funcións prorrogando durante 60 anos a permanencia da empresa Ence en Lourizán. Con esa decisión, sinalan, imposibilita o desenvolvemento sustentable de Pontevedra, así como a creación de riqueza e novos postos de traballo vinculados á ría, ao lecer e ao turismo.

Na exposición de motivos remóntanse a 1958, cando durante a ditadura franquista tomouse a decisión de instalar unha fábrica de pasta de papel "en contra da cidadanía". Tras décadas de denuncias, continúan, "a cidadanía de Pontevedra albergaba a esperanza de que, como moi tarde, Ence e Elnosa, marcharían da ría en 2018, data de caducidade da concesión". Seguindo o relato temporal, lembran que durante a etapa de Aznar como presidente, en 2001 Ence foi privatizada "e vendida a prezo de saldo coa xustificación de que en 2018 tiña que trasladarse de Lourizán".

Posteriormente, xa con Rajoy Brey como presidente do Goberno modifícase a Lei de Costas de 1988 para "facer prorrogables concesións antes improrrogables". A pesar da oposición evidenciada por varias frontes, incluído o xudicial, por colectivos sociais e grupos políticos municipais, o pasado 25 de xaneiro, concédese a prórroga do asentamento industrial durante 60 anos.

"Unha actitude e unha decisión que, á marxe dos recursos e decisións administrativas e xudiciais que se poidan adoptar, debe ser condenada publicamente, denunciando tamén a actitude, como mínimo, inmoral e antidemocrática dos responsables políticos deste ataque a Pontevedra", conclúen desde as filas socialistas.