O grupo socialista de Cerdedo-Cotobade denuncia que o alcalde do municipio, Jorge Cubela, pretende "nadar entre dúas augas" diante dos proxectos de parques eólicos que hai en marcha nos montes da zona.
Así, consideran que os proxectos están propiciados pola "desregulación emprendida pola Xunta de Galicia" coa lexislación aprobada dende o comezo da pandemia para facilitar este tipo de proxectos empresariais e que o alcalde é "cómplice" pola súa "inacción" para evitar os 14 proxectos.
O PSdeG-PSOE esixe do Concello que presente informes municipais desfavorables en materia de medio ambiente e urbanismo, deixándolle así moi claro á Xunta de Galicia e ao seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, que o Concello de Cerdedo-Cotobade "non cala e non asume o papel subsidiario" que as novas normas autonómicas en materia empresarial e de simplificación administrativa lle outorgan.
Os socialistas manteñen que as alegacións preséntanas os veciños e os colectivos, pero cando un concello afectado por proxectos desta magnitude rebaixa o seu papel ao de asinante só dunhas alegacións durante un período de exposición pública está actuando como "cómplice".
Desde o PSOE lémbranlle a Cubela que a primeira exposición pública foi "unha vergoña democrática" ao tramitarse coincidindo co período de Nadal e consideran que o alcalde tampouco pode agacharse detrás da repetición do período de exposición pública para presentar máis alegacións.
En opinión dos socialistas, recoñecer que a documentación técnica que estaba exposta contiña “erros” e que a relación de bens e dereitos afectados era incorrecta "parece unha tomadura de pelo" e máis "cando se dá a coñecer previamente ao anuncio no DOG cunha filtración partidista a un alcalde en apuros". Consideran que é "un acto propio dunha República bananeira que vende o seu monte aos intereses especulativos dunha empresa con capital opaco".
O PSdeG-PSOE local reclama que "cesen os enganos e xogos florais" do alcalde, do que aseguran que "finxe defender a súa veciñanza" e "só traballa para salvar a imaxe dunha Xunta de Galicia culpable da catástrofe ambiental e social" que está a piques de perpetrarse nos montes de Cerdedo-Cotobade.