O grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou este venres una moción para debater no próximo Pleno da corporación na que lle reclama ao goberno do BNG que cree unha partida económica de 500.000 euros para complementar o plan de emprego anunciado recentemente pola nova presidenta da Deputación, a tamén socialista Carmela Silva.
Na moción, que vén asinada por Agustín Fernández, o PSdeG-PSOE recorda que o emprego e a actividade económica é a principal preocupación dos cidadáns de Pontevedra. Aseguran que máis de 7.000 pontevedreses "buscan un traballo e non o acadan e moitas delas nin sequera teñen dereito a prestacións", o que coloca a moitos fogares e moitas familias nunha situación "moi precaria".
Fronte a esta situación, o voceiro socialista cre que o alcalde "non pode poñerse de perfil ou alegar a falla de competencias municipais", porque apunta que moitos gobernos municipais "están tomando medidas de todo tipo para animar a actividade económica dos seus concellos, buscando fórmulas innovadoras que axuden a paliar o problema máis serio da sociedade".
Neste sentido, e tras destacar que o plan de emprego municipal -impulsado polo PSdeG-PSOE no pasado mandato- non se renovou tras a súa finalización o pasado mes de agosto, Agustín Fernández recorda que a Deputación vén de poñer en marcha a súa propia iniciativa, da que se beneficiarán todos os concellos da provincia. No caso de Pontevedra, tendo en conta a súa poboación, correspóndenlle axudas para a contratación de 36 persoas.
Pero os socialistas cren que desde o Concello de Pontevedra pódese asumir un compromiso maior e por iso instarán no Pleno ao alcalde para que proceda a dar as instrucións oportunas para habilitar unha partida orzamentaria de 500.000 euros, de cara ao mes de xaneiro do vindeiro ano, para complementar este plan provincial "de xeito que se garanta tanto a continuidade como o incremento do número de beneficiarios".