O PSdeG-PSOE pide a dimisión ou a expulsión de Gonzalo Durán do Partido Popular

O Salnés
12 de xuño 2021

David Regades, secretario xeral provincial dos socialistas, afirma que o alcalde de Vilanova de Arousa non pode continuar nese cargo baixo o nome do Partido Popular tras a sentenza que o condena por referirse á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como "chacha para todo"

David Regades e Gonzalo Caballero
David Regades e Gonzalo Caballero / Mónica Patxot

Os socialistas galegos afirman que se o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, non presenta a súa dimisión por vontade propia no Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo debe abrir un expediente inmediato de expulsión da agrupación popular.

O PSdeG-PSOE esixe ao PP "tolerancia cero contra o machismo" a través do secretario  xeral provincial socialista David Regades que asegura que Gonzalo Durán non pode continuar ocupando a alcaldía de Vilanova de Arousa baixo as siglas do Partido Popular nin un día máis, despois de ser condenado en sentenza xudicial como autor responsable dun delito de falta de respecto e consideración debida á autoridade no exercicio das súas funcións ao insultar á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en outubro de 2018 chamándoa "chacha para todo".

Regades pide "hixiene democrática" a Núñez Feijóo e entende que "un alcalde que cae tan baixo non merece ter cabida nunha organización política comprometida no respecto ao Estado de Dereito e ao imperio da lei". Afirma tamén que se non se abre ese expediente, o PP demostrará conivencia culpable cun cargo público condenado por comentarios machistas co agravante da falta de arrepentimento.

Entenden os socialistas que "Durán excedeu todos os límites" e lembra que Carmela Silva quixo con esta denuncia poñer voz ás mulleres e homes que sofren ataques verbais polo machismo arraigado na sociedade. David Regades sinala que Gonzalo Durán é un alcalde condenado por utilizar o insulto machista no exercicio da política e afirma que "fronte ao machista, o PSOE e o PP non poden ter rivalidade partidista; é un cancro que temos que extirpar, porque non ten que ver coas cores políticas; a sociedade non pode permitirse este tipo de actitudes que, ademais, son unha rémora para calquera organización política moderna comprometida coa igualdade de dereitos".