O PSdeG-PSOE conforma o seu grupo provincial na Deputación designando os seus 9 deputados

Pontevedra
20 de xuño 2023

Son: Carlos Font, Ana Mejías, Ana Laura Iglesias, Nuria Rodríguez, Gorka Gómez, Digna Rivas, Carlos Gómez, Gregorio Agís e Javier Mougán

Xuntanza do PSOE en Cambados para a elección dos deputados provinciais
Xuntanza do PSOE en Cambados para a elección dos deputados provinciais / PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra celebrou xuntanzas comarcais en Pontevedra, Vigo e Arousa, os tres partidos xudiciais nos que logrou representación para a próxima Corporación provincial co obxectivo de designar os novos deputados provinciais. 

As xuntanzas, celebradas onte contaron coa presencia do secretario xeral, David Regades, e a totalidade da dirección provincial.

As Eleccións Locais do pasado 28 de maio outorgaron ao Partido Socialista un total de 9 deputados que se reparten nos partidos xudiciais de Vigo (7), Pontevedra (1) e Cambados (1).

Despois das xuntanzas comarcais celebradas este luns acordouse que o futuro grupo provincial socialista estará composto por Carlos Font, Ana Mejías, Ana Laura Iglesias, Nuria Rodríguez e Gorka Gómez, todos eles concelleiros en Vigo. Por este partido xudicial entran tamén Digna Rivas, alcaldesa de Redondela e Carlos Gómez (ex-alcalde de Baiona). As novidades consisten por tanto na entrada de Nuria Rodríguez e de Carlos Gómez, ademais do retorno á Deputación de Digna Rivas, que xa foi deputada no mandato 2011-2015.

Polo partido xudicial de Pontevedra, o deputado socialista seguirá sendo Gregorio Agís (concelleiro en Poio), que retén así a acta que xa defendeu durante o mandato que remata. 

Finalmente, polo partido xudicial de  Cambados entrará Javier Iglesias Mougán (concelleiro en Ribadumia), que é a última novidade.

Os tres suplentes do PSdeG-PSOE, en cumprimento da normativa electoral, polo partido xudicial de Vigo serán Francisco Ferreira (alcalde de Gondomar), Bibiana Peixoto e Rubén Rial, ámbolos dous concelleira e concelleiro de Nigrán. A proposta da Dirección Provincial socialista, os escanos de Digna Rivas e Carlos Gómez serán rotatorios, polo que aos dous anos serán substituídos polos dous primeiros suplentes.

Ademais, designaranse como suplentes do partido xudicial de Pontevedra a Yoya Blanco (Pontevedra), José Sanmartín (Barro) e Ana Couto (Cerdedo-Cotobade). 

Polo partido xudicial de Cambados, a Milagros Martínez (Cambados), Martín Casais (Meis) e María Vales (Vilanova).

O secretario xeral provincial David Regades destacou que o Partido Socialista configurou o novo grupo na Deputación "a partir do diálogo e o acordo interno e pensando tamén na representación de todo o territorio, a pesar das dificultades que introduce o feito de que o mapa dos partidos xudiciais da provincia resulta tremendamente lesivo para a pluralidade ao dificultar a obtención de deputados nos catro partidos xudiciais aos que corresponde un único deputado (Lalín, A Estrada, Ponteareas e Tui)".

Isto, explica David Regades, "é clave para entender o paradoxo de que o PP teña conseguido a maioría absoluta na Deputación con só 180.000 votos, moitos menos que os 256.000 que sumamos o PSdeG-PSOE e o BNG, as dúas forzas que gobernamos a Deputación nos últimos 8 anos".

As Xuntas Electorais de Zona emitirán proclamarán aos novos deputados titulares e suplentes a partir do día 23 e expedirán as súas credenciais, así como os certificados para a Xunta Electoral Provincial e a propia Deputación.