O PSdeG propón un Plan de Fortalecemento Dixital Integral do Ensino

Pontevedra
05 de xullo 2020

A candidatura do PSdeG-PSOE tamén defendeu na Illa de Arousa a vixencia do modelo tradicional de explotación do mar, representado polo sector mexilloeiro, no que o colectivo de autónomos e as familias son os protagonistas

Reparto de propaganda do PSdeG en Pontevedra
Reparto de propaganda do PSdeG en Pontevedra / PSdeG

Na xornada dominical os socialistas participaron nun reparto de propaganda no contorno da Glorieta de Compostela no que estivo a candidata do PSdeG á Xunta por Pontevedra, Paloma Castro; o tenente de alcalde, Tino Fernández, o concelleiro Iván Puentes, o deputado Guillermo Meijón e outros militantes da Agrupación Socialista de Pontevedra.

No marco desta actividade electoral, Paloma Castro expuso os puntos esenciais do Plan de Fortalecemento e Dixitalización Integral do Ensino que o PSdeG pretende impulsar en Galicia, cun programa especial de garantía da autonomía dixital de profesorado e alumnado (equipo básico e solución da conectividade), "permitindo que ningún escolar quede sen ordenador e unha dispoñibilidade universal de recursos para colaborar na formación presencial, no traballo escolar a domicilio e no seguimento da formación a distancia".

Neste mesmo sentido, o PSdeG propón un programa obrigatorio e modular de formación continua do profesorado en metodoloxías flexibles e tecnoloxías educativas dixitais e a extensión excepcional, dada a necesidade urxente de transición cara a nova normalidade, do Proxecto E-Dixgal dende 3º de Primaria a 2º de Bacharelato (cunha dotación orzamentaria especial).

ILLA DE AROUSA

A candidatura do PSdeG-PSOE tamén defendeu na Illa de Arousa a vixencia do modelo tradicional de explotación do mar, representado polo sector mexilloeiro, no que o colectivo de autónomos e as familias son os protagonistas. "Este é o modelo que funcionou durante xeracións, o que nos trouxo ata aquí e o que converteu a Galicia nunha referencia mundial", afirmou David Regades, secretario xeral dos socialistas pontevedreses, xunto co alcalde, Carlos Iglesias e o secretario xeral local, Manel Vázquez.

O alcalde subliñou que o Partido Popular viuse obrigado en 2016, ás portas das últimas Eleccións Autonómicas, a meter nun caixón a Lei de Acuicultura pola que pretendía impulsar a industrialización do sector e a produción masiva de especies como o salmón en granxas acuáticas, apostando pola cantidade antes que pola calidade e polas grandes empresas en detrimento das explotacións familiares. "Hai catro anos recuaron porque tiñan medo de pagalo nas urnas, pero se o próximo día 12 volven gañar a Xunta sacarán esa lei do caixón e lamentarémolo", dixo Carlos Iglesias.