A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Paloma Castro visitou este venres o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro xunto ao voceiro socialista no municipio, Adrián Vidal e amosou "a nosa preocupación pola situación de deterioro na que se atopa este parque".
A responsable socialista sinalou especialmente a recreación dun pequeno poboado da Idade de Bronce que "se atopa nun terrible estado de deterioro", denunciou.
Despois da visita ás instalacións do parque, Castro sinalou que a situación é tal que as cabanas "poden ter risco de derrubamento", polo que instou ao goberno galego a que "controle e fiscalice" a xestión do parque que, na actualidade e ata 2022, está externalizada nunha empresa privada.
"A Xunta non se pode desentender do control na xestión do noso patrimonio histórico, un patrimonio que corresponde a todos os galegos e galegas", sinalou a socialista cando ademais "temos a sorte de que o turismo comeza a reactivarse" e "é obriga do goberno galego ofrecer visitas con plena seguridade".
Castro anunciou que o PSdeG presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a fiscalizar a xestión do parque cando "hai moito investimento público nel" e "non podemos tirar os cartos públicos".