O PSdeG considera “unha mala broma” que Feijóo viñera a Pontevedra “a reverdecer as súas promesas incumpridas de 2016”

Pontevedra
29 de xuño 2020

Os dous representantes de Pontevedra na candidatura do PsdeG-PSOE ás vindeiras eleccións autonómicas, Paloma Castro e Rafael Cotelo, aseguran que das 12 promesas realizadas polo presidente do PP de Galicia hai catro anos aínda quedan 10 por facer

Rafael Cotelo, Gonzalo Caballero e Paloma Castro, candidatos do PsdeG-PSOE, durante un paseo en bicicleta
Rafael Cotelo, Gonzalo Caballero e Paloma Castro, candidatos do PsdeG-PSOE, durante un paseo en bicicleta / PSdeG-PSOE

Paloma Castro e Rafael Cotelo, os dous representantes de Pontevedra na candidatura do PsdeG-PSOE ás vindeiras Eleccións Autonómicas, amosan a súa sorpresa pola última visita de Alberto Núñez Feijoo á cidade de Pontevedra para gravar un vídeo nun monte para "reverdecer as mesmas promesas electorais que xa fixo no ano 2016 e que, catro anos despois, están incumpridas".

Das 12 promesas realizadas por Feijoo, hai unha decena sen cumprir, segundo os socialistas: a variante de Alba, o acondicionamento da estrada a Ponte Caldelas, os 15 quilómetros de sendas peonís-ciclistas, o saneamento integral da ría de Pontevedra, o transporte metropolitano, a construción do novo pavillón de ximnasia deportiva, a nova residencia de maiores con capacidade para 120 persoas, o impulso á instalación de empresas no polígono da Reigosa, a reforma do IES Torrente Ballester e a ampliación do hospital de Montecelo.

Castro e Cotelo subliñan que Feijoo se comporta “non como un señor que presidiu a Xunta de Galicia durante os últimos catro anos, senón como un Michael J. Fox que é quen de subir ao coche oficial e viaxar catro anos no tempo como se nada tivera pasado para prometer exactamente as mesmas cousas”.

Sinalan que o único do que pode falar a Xunta é do comezo das obras, con atraso, da conexión das estacións de ferrocarril e autobuses. Por este motivo, cren que a xestión de Feijóo merece un "suspenso rotundo". E apuntan a que chegou o momento de Gonzalo Caballero, candidato do PsdeG-PSOE, para asumir o goberno de Galicia.