O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, trasladou o apoio do seu partido aos familiares do Villa de Pitanxo para que se baixe ao pecio e se coñezan as causas do accidente para o que "os cartos non poden ser un problema", posición que lle transmitirá ao goberno de España.
Valentín González Formoso, líder dos socialistas galegos, reuniuse este mércores en Marín cos familiares das vítimas do Vila de Pitanxo, xunto coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e coa presenza da portavoz dos familiares, María José de Pazo, á que agradeceu a súa labor que ten a dobre dificultade de loitar contra a perda familiar e contra "as portas pechadas" nalgunhas instancias.
As familias da vítimas, segundo o líder do PSdeG, deben ser tratadas co "máximo respecto" e se lles debe transmitir "a mensaxe de esperanza que merecen", que non é outra que se autorice a baixada ata o barco "para que se saiba a verdade" do que ocorreu
Para Formoso, reunirse coas familias, ás que trasladou o seu apoio, "é difícil, pero necesario" e o "máis importante" por riba de tratar calquera outra temática política que estea no debate público, xa que se está a falar da "perda de algo que levas na alma e que por riba estás a miles de quilómetros".
Engadiu que coñecer as causas do naufraxio é importante non só para eles "que o levan na alma", senón tamén para os mariñeiros dos 30.000 barcos de pesca que hai en Galicia "que teñen que saber que cando hai unha desgraza, teñen un país con eles".
O secretario xeral do PSdeG subliñou que trasladará ao Goberno de España que investigue esta catástrofe ata o final, aínda que non se poidan recuperar os corpos dos doce mariñeiros que, a pesar de ser declarados como falecidos, continúan desaparecidos.
O custo desta operación é "perfectamente asumible", reiterou Valentín González Formoso, que defendeu que esta situación "merece todo o compromiso" do Goberno, ao que lle pediu que estea "ao lado das vítimas" e de todo o sector pesqueiro.
A portavoz dos familiares, María José de Pazo, valorou de manera "positiva" este encontro "porque nos han escuchado, nos han preguntado y ha habido un diálogo y un interés" e agora esperan "que este apoyo se traduzca y contagie a Madrid".