O PSdeG advirte que Núñez Feijóo quere convertir o Hospital Montecelo nun negocio para "os seus amiguiños"

Pontevedra
23 de xuño 2020

Representantes do Partido Socialista mantiñan un encontro con integrantes da Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra para analizar a política "privatizadora" do goberno da Xunta e as consecuencias que provoca no persoal sanitario

Xuntanza de representantes da candidatura do PSdeG con integrantes da Comisión de Centros dos Hospitais de Pontevedra
Xuntanza de representantes da candidatura do PSdeG con integrantes da Comisión de Centros dos Hospitais de Pontevedra / PSdeG-PSOE

Paloma Castro, Julio Torrado, Rafael Cotelo e Manuel Loureiro, candidatos do PSdeG ás próximas eleccións ao Parlamento de Galicia, reuníanse este martes con representantes da Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Durante o encontro, os representantes socialistas expuxeron a súa preocupación pola política de privatización do goberno de Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia e sinalaron que esta forma de xestión repercute no persoal sanitario. Neste sentido, o PSdeG alertou de que o PP quere converter o Hospital Montecelo nun negocio manexado polas empresas "dos seus amiguiños". 

Por este motivo, Paloma Castro apuntou a que un goberno progresista á fronte da administración autonómica é a solución para garantir a gratuidade do futuro aparcadoiro do Complexo Hospitalario, criticando que o actual presidente da Xunta queira construír un aparcadoiro de pago de mil prazas convertendo un servizo público esencial nun negocio controlado "polos seus amiguiños", insistiu a candidata.

Tamén lamentou a "esmola" de 250 euros coa que o Goberno popular "pretende silenciar" a falta de medios materiais á que se enfrontaron os profesionais sanitarios durante o momento máis crítico da pandemia. Por este motivo, a candidata afirma que os populares "están tan afeitos a facer caridade e a desmantelar o público que non se decataron do insulto que supón para todo o colectivo sanitario que deixou a pel por nós".

Na mesma liña argumental mantívose Julio Torrado, portavoz de  Sanidade do PSdeG no Parlamento  Galego, ao indicar que hai un proceso de privatización evidente dos hospitais, nesta ocasión centrado no mantemento de Montecelo. E sinalou que a construción da segunda fase está condicionada en boa parte pola concesión do contrato a unha empresa que despois se faga cargo do mantemento do servizo, unha decisión que, en opinión dos socialistas, deixará a numeroso persoal laboral e a funcionarios públicos fose do sistema.