O proxecto sectorial do Gran Montecelo, a información pública

Pontevedra
15 de xaneiro 2019

A Xunta de Galicia investirá 140 millóns de euros na ampliación do hospital pontevedrés, que aumentará a súa superficie nun 50% alcanzando os 118.000 metros cadrados. Será o centro de referencia para 26 municipios de Pontevedra, nos que residen 309.000 persoas

Proxecto de ampliación do hospital Montecelo
Proxecto de ampliación do hospital Montecelo / Xunta de Galicia

O Servizo Galego de Saúde somete a información pública o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Montecelo, incluído o estudo ambiental estratéxico que conta coa declaración de incidencia supramunicipal dende xuño do pasado ano.

Así o anuncia unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas publicada na edición deste martes do Diario Oficial de Galicia. Os interesados poderán presentar as súas alegacións a este proxecto por un período de 45 días hábiles.

A Xunta de Galicia investirá 140 millóns de euros na ampliación do hospital pontevedrés, que aumentará a súa superficie nun 50% alcanzando os 118.000 metros cadrados. Será o centro de referencia para 26 municipios de Pontevedra, nos que residen 309.000 persoas.

O complexo hospitalario será, destacan desde Sanidade, "máis amplo e máis cómodo" ao contar cun novo edificio, en forma de zigzag, de 71.500 metros cadrados. 

Acollerá un renovado servizo de urxencias, que terá un 92% máis de salas e postos, cun portelo de admisión única e estancias diferenciadas para adultos, nenos e pacientes con problemas xinecolóxicos; a unidade de coidados intensivos ou a hospitalización con ingreso.

Alí tamén se situarán as especialidades de maior complexidade e as novas unidades que se incorporarán ao catálogo da atención sanitaria en Pontevedra.

Nas instalacións actuais, que serán obxecto dunha profunda reforma na segunda fase da ampliación, centralizarase a atención ambulatoria. Adecuarase para os servizos de cirurxía maior ambulatoria, a cirurxía de curta estancia, o hospital de día ou as consultas externas.

O novo hospital de Pontevedra terá 720 camas -das cales un 57% serán en cuartos individuais-. Haberá tres novos quirófanos -ata un total de 20-, 277 consultas, gabinetes e salas técnicas (53 máis que na actualidade) e unha maior capacidade do hospital de día, que pasará a contar con 162 prazas fronte ás 109 de agora.

O novo Montecelo ampliará os seus servizos e contará cunha UCI pediátrica e neonatal, unha nova unidade de oncoloxía radioterápica, unha nova área de medicina nuclear e unha nova unidade de traballo, parto e recuperación do bloque obstétrico, que permitirá atender nunha única sala todo o proceso de dilatación, parto e recuperación.

Sanidade potenciará ademais o servizo de neonatoloxía e a área cardiovascular e haberá unha sala de hemodinámica e unha sala de radioloxía vascular periférica.

As novas dotacións do hospital de Pontevedra complétanse cunha unidade de endoscopia multidisciplinar para os servizos de dixestivo, pneumoloxía, urología e ginecoloxía; e cunha unidade de diagnóstico biolóxico para análises clínicas, hematoloxía, microbioloxía e anatomía patolóxica; e potenciarase o hospital de día polivalente multidisciplinar e oncohematolóxico.

A ampliación do hospital de Pontevedra incluirá tamén espazos máis acolledores en áreas sensibles como diálises, os servizos oncolóxicos, a zona de coidados paliativos ou a área materna-infantil.

APARCADOIRO E ACCESOS

A estrada actual discorre por diante do hospital pasará a ser unha vía de uso interno para servizos, ambulancias e pacientes, mentres que os accesos faranse a través dun viario de nova construción que, a modo de by- pass, rodeará todo o complexo hospitalario.

Ademais, con respecto ao aparcadoiro, o plan sectorial non reflicte o réxime que terá -se será gratuíto ou de pago-, pero detalla que se contemplan unhas 1.220 prazas.

A maior parte delas, 1.082, formarán parte dun aparcadoiro a tres alturas que se prevé construír onde está o actual, na parte oeste do hospital. Os 142 restantes estarán próximas á nova área de urxencias que, ademais, contará cun pequeno heliporto.

Arquivado en