A Concellería de Promoción Económica do Concello de Poio ven de facer público o Proxecto #Poio_Impulsa, un programa que busca crear un tecido económico vivo. É, afirman desde a concellería, "unha nova aposta innovadora pero na mesma liña na que se leva traballando desde hai anos".
Até finais do mes de outubro, salientou Paulo Queiruga, coordinador da área de comunicación, visitaranse diversos negocios do concello de Poio para informar polo miúdo o proxecto e tamén se difundirá entre os diversos actores económicos e sociais do municipio para escoitar as súas propostas e así, colectivamente, mellorar o proxecto.
A coordinadora do proxecto, Mariem Filgueira, informou que #Poio_Impulsa busca formar e tutorizar aos comerciantes do municipio para que melloren naqueles aspectos que teñen potencial . Para iso ofertaranse formacións moi diversas como atención ao público ou comercio online e ademais haberá 10 prazas para unha atención máis personalizada, onde se darán recomendacións e coñecementos específicos para mellorar o seu negocio.
María José Suárez, axente de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Poio, animou ás diversas empresas a se poñer en contacto coa Concellería de Promoción Económica para propor melloras no proxecto e para formar parte del.
Pola súa banda, Gregorio Agís, concelleiro de Promoción Económica, incidiu na importancia que teñen este tipo de proxectos para a creación de emprego de calidade e para crear uns vínculos económicos e sociais responsables e estables.
O proxecto desenvolverase a partir de outubro cunha mesa redonda que aglutinará a todos os axentes económicos de Poio e seguirá até xaneiro, aínda que isto pode variar dependendo das necesidades concretas dos comercios.