O proxecto Depoinnova recibe 69 propostas para o ámbito social e a economía verde

Pontevedra
02 de outubro 2022

As ideas presentadas aportan solucións aos seis retos que a Deputación puxo sobre a mesa e que agarda resolver grazas ao PERTE de Dixitalización do ciclo da auga e a un proceso de Compra Pública Innovadora

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O programa Depoinnova, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o pasado mes de xullo para inverter en innovación e en solucións de vangarda nos ámbitos social e da economía verde e "explorar que capacidades hai na sociedade para crear novos produtos que nos permitan desenvolver novos proxectos máis eficientes e máis innovadores" pechou esta semana o prazo para recibir propostas "cun grande éxito", segundo explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. En total, recibíronse 69 propostas de 42 empresas, centros de investigación e universidades da provincia e do resto da comunidade autónoma, así como do conxunto do Estado, o que demostra "que hai sector privado innovador moi potente no noso país".

Esta primeira edición de Depoinnova propuxo ao tecido produtivo e investigadores seis grandes retos que se identificaron como prioritarios e se recibiron propostas para todos eles. En concreto, o primeiro reto, a dixitalización do ciclo da auga, recibiu 16 propostas; o segundo, a xestión de residuos e economía circular, 9 propostas; o terceiro, o da xestión integral de infraestruturas provinciais, 12 propostas; o cuarto, de dixitalización da Administración provincial, 7 propostas; o quinto, dos programas sociais e de emprego, 11 propostas, e o sexto, do Museo de Pontevedra do século XXI, 14 propostas.

Para rematar a fase de consultas de Depoinnova, os seguintes pasos pasan pola análise das propostas recibidas, "para ver as ideas presentadas e o encaixe que teñen para os retos propostos", un proceso de entrevistas con aquelas propostas, que "unha vez analizadas" sexan máis interesantes e a redacción e publicación do informe de Conclusións Preliminares de Mercado. A continuación, chega o momento de presentar as candidaturas de proxectos da Deputación ás liñas de financiamento específicas. En concreto, son a Liña de Fomento de Innovación desde a Demanda para a Compra Pública de Innovación do Ministerio de Ciencia, que se espera sexa convocada no primeiro trimestre do próximo ano, e o PERTE de Dixitalización do ciclo da auga, financiado con fondos Next Generation. Este venres abriuse a convocatoria do segundo, ao que se presentará o primeiro reto, o que leva á Deputación a ser "das primeiras administracións que teñen xa o traballo feito", como explicou Carmela Silva, para poder presentarse.

O presuposto máximo para a proposta do PERTE é de 10 millóns de euros, mentres que para os proxectos para a Compra Pública de Innovación será a partir dos 5 millóns de euros. No caso de conseguir a financiación, a fase de licitación terá lugar nos dous próximos anos e a execución de proxectos entre 2024 e 2027.