O proxecto de metaverso máis avanzado do sistema universitario estatal desenvólvese no campus pontevedrés

Pontevedra
18 de xuño 2024

UNIverso UVigo é o nome deste proxecto presentado como un novo espazo de cooperación de aprendizaxe no que se leva traballando dous anos. Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Alberto Díez de Castro, acompañaron a Eva Lantarón, vicerreitora do campus e Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación, na presentación deste espazo que permite deseñar unha aplicación arredor dun plató virtual

Representantes universitarios e da Xunta na presentación de UNIverso UVigo
Representantes universitarios e da Xunta na presentación de UNIverso UVigo / DUVI - UVigo

Universo UVigo é un proxecto que traballa o metaverso. A Xunta de Galicia investiu 115.000 euros nesta iniciativa que se presentaba na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra durante este martes.

O proxecto ofrece unha aplicación de realidade virtual denominada 'Simulacro', que permite simular diversos procesos de creación audiovisual. 

A través de lentes de realidade virtual, alumnado, profesorado e investigadores terán a oportunidade de poñer en práctica funcións de realización, dirección de fotografía e manexo de cámaras nun estudio virtual.

Un avatar permite observar "en tempo real o efecto" que producen as modificacións que se realizan nas cámaras en Simulacro, entre outras posibilidades dentro dunha produción audiovisual.

O plan piloto contempla a virtualización de laboratorios para que se utilicen en diferentes titulacións evitando a duplicación de laboratorios idénticos e, por tanto, reducindo o custo ao permitir que os diferentes centros tivesen acceso ao laboratorio de maneira virtual.

O reitor Manuel Reigosa; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Alberto Díez de Castro; a vicerreitora do campus pontevedrés, Eva María Lantarón; e a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, participaban na presentación co vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Martín López Nores, quen defendía a iniciativa sinalando que ofrece unha infraestrutura que pode ir crecendo ao incorporar novos módulos.

É o "desenvolvemento máis avanzado" dentro do sistema universitario español nunha proposta de metaverso que foi totalmente innovadora cando se iniciou, hai xa dous anos. Universo ofrece espazos comúns para seguir conferencias, presentacións de estudos, reunións ou titorías, entre outras posibilidades, segundo indica no Duvi.