O proxecto de mellora da estrada entre Piñeiro e Arcos, en Cuntis, está "moi avanzado" e custará 400.000 euros

Umia
08 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou esta estrada para analizar de primeira man a situación na que se atope e constatar que "quede todo ben recollido no proxecto". Permitirá mellorar o firme e a seguridade viaria de todo o conxunto da estrada provincial

Visita de Isabel Couselo a Cuntis
Visita de Isabel Couselo a Cuntis / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra xa ten "moi avanzado" o proxecto para a mellora da estrada provincial entre Piñeiro e Arcos, en Cuntis, no que investirá máis de 400.000 euros.

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou esta estrada para analizar de primeira man a situación na que se atopa e constatar que "quede todo ben recollido no proxecto".

Despois da visita avanzou que o proxecto está avanzado e permitirá mellorar o firme e a seguridade viaria de todo o conxunto da estrada provincial.

A EP-8404 entre Piñeiro e Arcos ten unha lonxitude de 3.416 metros. Nestes momentos non ten a capacidade portante adecuada e mediante a actuación prevista preténdese realizar un asfaltado que cubra o estado deficiente da vía.

A actuación completarase cun paquete de medidas destinadas á mellora da seguridade viaria da estrada provincial. Ademais da mellora do firme, repoñerase a sinalización horizontal e vertical co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario.