A República Democrática de San Tomé e Príncipe, o país máis pequeno de África, quere seguir o exemplo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra para impulsar a compostaxe como forma de xestión dos biorresiduos.
O asesor provincial en materia de residuos, Carlos Pérez, acaba de participar en varias reunións de traballo co goberno deste arquipélago de selva e roca volcánica situado no medio do Golfo de Guinea.
Segundo explicou en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, os santomenses queren converter ao seu país nun destino de turismo de elite aproveitando as súas praias de ilusión, quilómetros de selva virxe, enormes cataratas e augas cristalinas.
San Tomé e Príncipe é un dos estados máis pobres a nivel mundial pero aspira a unha completa modernización do seu territorio, co turismo e os servizos como eixo estratéxico. Entre outros moitos aspectos teñen que desenvolver o tratamento de augas e de residuos e neste último caso queren seguir o camiño iniciado coa compostaxe na provincia de Pontevedra.
SAO PAULO
O vicepresidente tamén informou que a Universidade de São Paulo "pretende abrir unha liña de colaboración" coa Deputación para "adaptar" o modelo de compostaxe pontevedresa no campus universitario Luiz de Queiroz en Brasil.
Trátase dunha consecuencia da visita realizada a Pontevedra o pasado mes de xuño por parte do ex xefe de Medio Ambiente do goberno de Lula da Silva e unha investigadora da Escola de Agricultura Luiz de Queiroz, en representación da Universidade de São Paulo, para coñecer os principios básicos do Plan Revitaliza (tratamento en quilómetro cero, profesionalización da atención técnica, e participación e concienciación cidadá).
COMISIÓN EUROPEA
César Mosquera anunciou que o próximo 19 de novembro a Comisión Europea organiza unha xornada sobre o tratamento dos biorresiduos co fin de concretar a lexislación recentemente aprobada neste ámbito. Por este motivo convidaron á Deputación a estas xornadas mostrando un "interese moi especial porque Pontevedra poida asistir".
Se se confirma a asistencia, os representantes da Deputación serían recibidos polo político maltés Karmenu Vella, comisario europeo de Medio Ambiente. Este encontro estaría precedido dunha visita preparatoria que representantes da Comisión Europea queren facer a Pontevedra.
NOVO IMPULSO
A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres as bases para a incorporación de novos concellos ao Plan Revitaliza dando a oportunidade de sumar novas adhesións aos 36 municipios que xa forman parte deste programa para implantar a compostaxe comunitaria como método de xestión dos residuos orgánicos.
Segundo explicou o vicepresidente César Mosquera, o goberno provincial tamén sacará unha liña de subvencións, dotada de dous millóns de euros, para que os concellos poidan comprar o material necesario para implantar a segunda fase deste programa pioneiro. É dicir a adquisición de composteiros e toda a maquinaria precisa para este fin.