A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo este xoves unha xuntanza de traballo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que lle trasladou que a Xunta someterá a información pública o proxecto de trazado da variante de Alba nas vindeiras semanas, en canto o Concello lle dea o visto e prace.
Vázquez Mourelle presentoulle ao alcalde as posibles alternativas para levar a cabo esta actuación, que serán analizadas polo Concello.
Será un vial novo, que non afecta a viviendas, que conectará a estrada de Vilagarcía e a de Santiago, sen necesidade de transitar por un vial como a PO-225 en Alba, que é insuficiente e que provoca molestias aos cidadáns.
Esta actuación suporá un investimento por parte do goberno galego de 5 millóns de euros. Nunha primeira fase executaríase esta vía de novo trazado cun carril en cada sentido, prevendo, entre outras actuacións, o seu desdobramento nunha fase posterior, cando os tráficos o acrediten necesario.
A vía irá soterrada para salvar a vía do tren e terá un viaducto para atravesar o río Rons.
A Xunta elaborou varias propostas que o Concello analizará nos vindeiros días, pero xa se coñece que se trataría dunha estrada de dous carrís (un en cada sentido de circulación) de entre 700 e 1.000 metros, coa entrada na rotonda de San Caetano, na estrada de Vilagarcía, e a saída na estrada de Santiago, á altura de Pidre.
O alcalde destacou a importancia desta conexión dado que neste momento a PO-225 é unha vía moi saturada, empregándose incluso como alternativa para chegar ao lugar de Leborei. Coa nova variante tamén se resolvería o problema do gálibo da ponte do tren da estrada PO-225, e melloraríase a seguridade viaria no Camiño de Santiago, que este ano rexistrou 55.000 peregrinos.
A construción desta variante regularíase coa sinatura dun convenio pendente de concretar, pero xa se adiantou que o Concello podería facerse coa titularidade da PO-225, e a Xunta podería facer unha senda peonil nesta estrada que una San Caetano con Pidre.