O proxecto da praza de San Xurxo de Sacos consegue o informe favorable de Patrimonio

Cerdedo-Cotobade
06 de agosto 2024

Agora só queda que a Corporación Municipal se pronuncie sobre a necesaria expropiación de terreos de propietario descoñecido para permitir o investimento duns 100.000 euros nesta obra de interese social moi demandada polos veciños

Proxecto para a construcción dunha nova praza pública en San Xurxo de Sacos
Proxecto para a construcción dunha nova praza pública en San Xurxo de Sacos

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de conseguir o informe positivo do servio de Patrimonio da Xunta de Galicia para o Plan Especial de dotacións para a construción dunha praza en San Xurxo de Sacos onde pretende humanizar este entorno de lecer para a veciñanza cun investimento duns 100.000 euros.

O alcalde, Jorge Cubela manifestou a súa satisfación por esta resolución da Xunta porque vai permitir seguir co procedemento iniciado para a creación dunha praza xunto á igrexa de San Xurxo de Sacos que contempla a expropiación de terreos de propietario descoñecido o que está a provocar que os trámites administrativos se estean prolongando no tempo.

Agora os técnicos que fixeron o Plan Especial van incorporar o informe positivo de Patrimonio para facer a proposta de acordo definitivo, que irá a Pleno da Corporación Municipal que aprobará de xeito final ese Plan Especial que será remitido ao Diario Oficial de Galicia (DOG) para a súa publicación e coñecemento público, á Dirección Xeral de Urbanismo e ao Rexistro de Planeamento. 

Paralelamente o Concello está a redactar o proxecto de expropiación "coa idea de que no vindeiro ano esteamos en obras cun investimento duns 100.000 euros", dixo Cubela.

Entre as consideracións técnicas que recolle os informes están a necesidade de facer constar unha relación de elementos protexidos como "A Casa de Espinosa en Outeiro", a obrigación de identificar os hórreos existentes e o seu tratamento como ben protexidos así como das distintas construcións tradicionais para a súa catalogación e salvagarda.

O Concello de Cerdedo-Cotobade pretende atender de xeito especial nesta intervención o mantemento dos valores culturais da igrexa e do adro. Ademais, pola afectación ao contorno de protección de varios elementos, estarase ao dispor dos criterios de intervención contidos na LPCG. Tamén se terán en conta os elementos de interese susceptibles de catalogación lindeiros ao ámbito como contexto no que integrarse e cos que dialogar dun xeito harmónico.

Ademais no proxecto do Concello contémplase manter as características físicas e a vexetación dos rueiros que rodean o ámbito, que forman parte da súa beleza e tamén do seu interese patrimonial, amosando a ligazón do asentamento co medio. 

Tamén recolle que o plan especial non provocará un impacto paisaxístico significativo, toda vez que para a execución da praza se conservará o arborado autóctono e se recuperarán os muros existentes.

FESTAS DE PAZOS DE BORELA 

Por outra banda, Jorge Cubela e membros da Comisión presentaron o programa de Festas de Pazos de Borela, que se desenvolverán os días 9 e 10 de agosto na honra de San Roque e San Antón.

O venres 9 de agosto, ás 20 horas, haberá inchables gratuítos para os nenos que se acheguen ata o lugar da festa e á noite haberá unha verbena amenizada pola Orquestra Solara e Ángel América.

O sábado 10 de agosto, pola mañá haberá un pasacalles a cargo dos Afoutes do Canón de Pau, mentra que ás 12 do mediodía unha misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Tenorio, seguida de procesión e sesión vermú amenizada polos Afoutes e o grupo Azabache, que ofrecerá un recital máis verbeneiro, propio destas festas para bailar.