O Concello de Bueu organizou este sábado, 18 de decembro, un acto público para presentar o proxecto da nova biblioteca municipal, unha reforma que " supoñerá un antes e un despois", defende o alcalde, Félix Juncal.
Unha trintena de persoas acudiron á cita para coñecer os detalles da mellora da infraestrutura cultural situada no Parque Ramal dos Galos, unha obra que segundo o goberno local será licitada a principios do próximo ano.
Esta actuación, valorada en 919.559 euros, vaise levar a cabo cunha subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra asumindo o 80% do custo dunhas obras que deberán estar concluídas antes de abril do 2023.
Os arquitectos redactores do proxecto, Manuel Chapela e Ricardo Morales, foron os encargados de explicar os seus aspectos máis técnicos, cos que buscan adaptar o centro ás esixencias dunha biblioteca do século XXI en usos e servizos, ademais de resolver os problemas detectados a nivel estrutural no edificio e prestando unha especial atención á mellora da accesibilidade, seguridade e á eficiencia enerxética.
A intervención servirá para ampliar o edificio actual, ao que se engadirá unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, e que permitirá trasladar o Arquivo Municipal, que actualmente se atopa en Cela. O proxecto prevé que a planta baixa mantería as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes.
"Queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural", defendeu na súa intervención o alcalde asegurando que o goberno local leva traballando coa idea de acometer esta mellora "moitos anos".