A concelleira de Obras e Servizos Municipais e tenente de alcalde, Chelo Besada, vén de anunciar a incorporación de melloras adicionais ao proxecto de rehabilitación a desenvolver no núcleo da Seara. Trátase dunha actuación que no seu día fora adxudicada á empresa Nexia Infraestruturas e que, debido ao seu cese de actividade o ano pasado, non se chegou a concluír.
A edil do PSdeG-PSOE explica que, ademais de completar o tramo que aínda resta por mellorar, os traballos chegarán ata a conexión coa estrada de Campelo. Asemade, as reformas tamén se estenderán para reformar varios ramais que conectan con este núcleo.
En principio, o orzamento destinado para completar este proxecto ascenderá a uns 324.000 euros aproximadamente. O proxecto inclúe a dotación de diferentes servizos, que xa se habilitaron no tramo que Nexia completou antes de que entrase en concurso de acredores.
Agora, a administración municipal debe volver a sacar a licitación a parte que queda pendente por acometer. Este proceso xa tivo que realizarse para poder retomar a construción do novo vial da Caeira, cuxos traballos xa están en marcha, e tamén para mellorar a rúa Lameiriña, en Raxó, outra das actuacións que Nexia non levou a cabo.
LAMEIRIÑA
Precisamente, no último pleno ordinario saíu a debate a situación desta rúa, a raíz dunha moción presentada polo Partido Popular para esixir a súa mellora. Se ben a proposta foi aprobada por todos os grupos da corporación, o goberno local lamenta a forma de actuar da oposición, que se adica "de xeito sistemático" a presentar mocións sobre obras que "ou están en marcha ou en proceso de licitación".
No caso da rúa Lameiriña, os dirixentes municipais lembran que xa existe un proxecto, pendente de adxudicar, logo do cese de Nexia Infraestruturas. Foi esta firma quen gañou o concurso de licitación no ano 2019, sen que nunca chegase a iniciar as obras.
Agora, a Concellería de Obras contempla unha actuación máis ambiciosa, con dotación de empredrado e unha ampliación dos traballos ata o núcleo de Caneliñas, cun orzamento de máis de 200.000 euros, IVE engadido.