O programa de reinserción Mírate realizado pola Xunta no cárcere da Lama contou coa participación de 48 mulleres

A Lama
22 de outubro 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou ás reclusas que participaron no programa da Asociación Érguete

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visita a cárcere da Lama
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visita a cárcere da Lama / Xunta de Galicia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou este venres ás mulleres da cárcere da Lama que participaron no programa Mírate, que desenvolve a asociación Érguete, co financiamento económico da Xunta, para apoiar a reinserción social e laboral das reclusas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade.

Este ano, un total de 48 mulleres tomaron parte desta iniciativa a través da que se fixeron tres talleres formativos de aprendizaxe e preparación para a vida en liberdade. As tres accións centráronse na autoestima, autocoñecemento e motivación para o cambio; a xestión emocional; e sobre sexualidade.

Lorenzana avogou por unha política global de xénero no ámbito penal para dar resposta á necesidade de apoio que teñen as mulleres que están ou estiveron nunha institución penitenciaria (ou cumpriron algún tipo de medida alternativa) para a súa reinserción social e laboral. “É preciso dar cobertura a estas mulleres para que poidan afrontar unha saída sen ningún tipo de discriminación”, apuntou a conselleira.

O obxectivo de Mírate, que a Xunta apoia desde o ano 2009, é facilitar un itinerario integral de acompañamento das mulleres en situación de vulnerabilidade para que poidan superar os obstáculos que dificultan a súa integración. A idade media das mulleres que participaron nesta edición do programa foi de 42 anos.

Das 48 mulleres atendidas, 34 tiñan historial de consumo de drogas, 4 conseguiron a liberdade e outras 4 tiveron progresións de grao, 20 participaron nos talleres formativos, 7 conseguiron un traballo e 3 finalizaron a ESO. O equipo de intervención estivo formado por unha educadora, unha psicóloga, unha traballadora social e un avogado para resolver cuestións xurídicas. En 2020, grazas a esta iniciativa, un 12% de mulleres máis que en 2019 melloraron a súa situación.

 “Trátase dun labor para que as mulleres gañen confianza, recursos e habilidades para que poidan afrontar situacións de desigualdade”, apuntou. Nos últimos seis anos, preto de 270 mulleres participaron na actividade que tamén se desenvolveu, ademais da Lama, en Vigo, Ourense e Teixeiro.