O programa "Cubertos" reparte 150 menús diarios a menores pontevedreses en risco de exclusión social

Pontevedra
12 de agosto 2020

O obxectivo é apoiar a infancia en risco de pobreza ou exclusión social, cuxa situación se viu agravada pola crise da COVID-19, garantindo unha alimentación saudable e nutritiva durante as vacacións escolares

Persoas voluntarias do programa 'Cubertos'
Persoas voluntarias do programa 'Cubertos' / Abanca

O programa "Cubertos" cumpre o seu primeiro mes de actividade.

Esta iniciativa de ABANCA e Afundación en colaboración co Concello de Pontevedra, ten o obxectivo de garantir unha alimentación saudable durante as vacacións escolares a menores en risco de pobreza ou exclusión social.

Na cidade do Lérez repartíronse 149 menús diarios, chegando a un total de 3.422 durante o mes de xullo.

Este programa púxose en marcha para apoiar ás familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise derivada da situación sanitaria actual, garantindo aos nenos que durante o período lectivo se benefician dunha bolsa comedor, unha alimentación saudable durante o verán.

Na cidade de Pontevedra habilitáronse 3 puntos de distribución nos que persoas voluntarias xestionan as entregas. Para eles este programa supuxo "un achegamento á realidade de moitas familias que o están a pasar moi mal. Esta experiencia fainos reflexionar e ser conscientes do afortunados que somos algúns".