Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra, ofrecía este luns os datos do programa Apego, de transmisión interxeracional da lingua galega.
Este programa destinado a familias con menores de seis anos busca xerar espazos amables para mellorar a transmisión da lingua a través da aprendizaxe de cantigas, contos, receitas e superación de determinados prexuízos establecidos nas contornas familiares.
Neste sentido, o edil manifestou que botan de menos a presenza da Xunta de Galicia neste tipo de iniciativas que favorezan a integración do galego no ámbito familiar.
Segundo explicaba, o 50,6% das familias que se apuntaron durante 2023 ao programa Apego utilizan máis o castelán que o galego para comunicarse cos seus fillos e, nalgúns casos, só empregan castelán.
As familias que se apuntan deben superar entrevistas previas e na maioría dos casos explican que teñen interese porque os seus fillos adquiran coñecemento do galego porque, segundo indicaba Demetrio Gómez, "é moi complexo que aprendan galego nunha sociedade como na que estamos actualmente".
Ao longo de 2023, realizáronse 37 actividades, das que 16 englobaban ritos e festas durante todo o ano con visitas ás parroquias; once desenvolvéronse na primavera; oito no outono, houbo unha sesión formativa para 33 educadores, todos eles de ensino público, e unha festa final.
Na primavera e verán as actividades cubríronse todas con vinte familias por cada unha das accións, o tope permitido. No ciclo de ritos e festas houbo diferenza de participación con algunhas actividades con escasa inscrición, dato que provocará unha revisión destas propostas, segundo explicaba o responsable do departamento que xa está a traballar con Polo Correo do Vento para que sexa máis atractivo.
"O programa vai moi ben. Estamos conseguindo os nosos obxectivos", explicou o concelleiro ao detectar un incremento do 145% de participación do 2022 ao 2023, pasando de 24 a 59 familias.
Sinalou que se observa a algunhas familias con "certos prexuízos", explicaba Gómez, "a transmisión de pais e de nais a fillos faise moi moi difícil. Todas precisan axuda para esta transmisión. En cambio presentan prexuízos sobre que vai pasar co seu fillo se lle aprende a falar en galego, se vai ter problemas na escola ou non os vai ter? Reflicte que as familias entenden que cando as nenas e nenos cheguen a escola teñen que saber falar en castelán e dá igual que saiban ou non falar en galego. A escola neste momento non está a ser un axente galeguizador senón, máis ben, un axente desgaleguizador".
"Botamos de menos á Xunta de Galicia, que debería implicarse nesta transmisión e non estar dicindo continuamente que a súa política lingüística funciona", apuntou, "se a súa política lingüistica funciona é porque buscan a minusvaloración e desaparición da lingua galega", argumentou o concelleiro expoñendo que Apego é un exemplo de que se poden realizar outras fórmulas de acompañamento ás familias para que a lingua teña o seu espazo.
"Temos que seguir facendo actividades do mesmo tipo, non exactamente as mesmas", engadiu, "temos que seguir fornecendo as familias de ferramentas para que se faga esa transmisión interxeracional".
ANÁLISE DO INICIO DE 'NOITES ABERTAS'
349 persoas participaron esta fin de semana do programa 'Noites Abertas'e 49 quedaron sen poder asistir ás actividades que elixiran como primeira opción e foron recolocadas noutras iniciativas.
"Foi necesario realizar tres sorteos", admitiu Demetrio Gómez, explicando a gran demanda que había para os obradoiros de tuneado de bolsas, na de cea veggie e creación de álbums.
Felicitou a organización de Noites Abertas, monitores e colaboradores que poñen en marcha todo o desenvolvemento das distintas propostas. Tamén manifestou a súa satisfacción polo interese e a colaboración en grupo por parte das persoas que participan neste programa de lecer alternativo.