O Príncipe Felipe estrea novo regulamento de funcionamento

Pontevedra
25 de novembro 2017

A deputada Eva Vilaverde sinala que o documento pretende "modernizar o centro e garantir un servizo público de calidade"

Cidade infantil Príncipe Felipe
Cidade infantil Príncipe Felipe / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo regulamento de organización e funcionamento institucional (ROFI) para Príncipe Felipe. Este novo documento, segundo explica a deputada delegada Eva Vilaverde, pretende "modernizar e mellorar a xestión dos centros que conflúen na cidade infantil para garantir un servizo público de calidade aos menores".

O motivo da posta en marcha do novo regulamento é a necesidade de dar cumprimento á normativa legal sobre centros con menores. O anterior Regulamento de Réxime Interior (RRI) de Príncipe Felipe databa do ano 2000 e, polo tanto, non podía responder nin ás esixencias da lexislación vixente nin ás novas necesidades que se viñeron producindo nas institucións de acollida nos últimos anos.

Por outra banda, a nivel interno, a dirección xerente do Príncipe Felipe apostou por contar cunhas pautas de organización que garantisen a actuación como servizo público e desen homoxeneidade aos métodos e criterios de traballo nos procesos socioeducativos.

Príncipe Felipe resulta unha 'rara avis' no ámbito dos centros de acollemento de menores, pois conserva a característica de macrocentro propia de épocas precedentes, pero tamén incorpora a actualización de servizos e persoal adaptado ás novas esixencias da atención socioeducativa (centros que contan con unidades de convivencia familiar e profundizan na idea da inserción de menores en ambientes semellantes aos de familias tipo).

Trátase dun centro de centros e de servizos auxiliares deses centros, de aí que se considerase "imperiosamente necesaria" a abordaxe do ROFI para mellorar a coordinación e servir de referente e guía para actuar, segundo manifesta Vilaverde.

AVALIACIÓN DOS SERVIZOS

No seu propio nome, o ROFI fai explícita a intención de abordar aspectos de máis amplitude e calado que o anterior Regulamento de Réxime Interior: a súa finalidade non é meramente descritiva e punitiva, senón que está orientado á prestación dun servizo de calidade.

O novo ROFI terá como finalidades transmitir un concepto de organización formal e previsible; unificar criterios de actuación; abordar aspectos que son fundamentais como a acción socioeducativa, que estaba ausente en épocas anteriores; proporcionar seguridade nas actuacións e unha atención sometida a principios de dereito para o persoal; responder a criterios de planificación, rigor e transparencia; garantir o exercicio dos dereitos de traballadores e usuarios e a asunción dos seus deberes; definir as características dos instrumentos de planificación, xestión e rendición de contas; servir de instrumento de comunicación e de difusión; e actuar como marco de referencia na elaboración de documentación interna dos centros.

Trátase dun documento de 340 artigos susceptible de revisión, vivo, que aspira a ser un elemento dinamizador para seguir afondando na mellora da prestación do servizo por excelencia: a atención a menores en calquera das súas variantes. De feito, por vez primeira desde a existencia da institución, o ROFI incorpora a obligatoriedade de procesos de avaliación da actividade como elementos imprescindibles na rendición de contas de cara a cumprir ese servizo de calidade, respondendo así á lexislación existente en Galicia sobre a garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

"Queremos que Príncipe Felipe sexa unha referencia en atención e funcionamento", dixo Eva Villaverde.

DOCUMENTOS COMPLEMENTARIOS

Este novo regulamento está complementado por outros documentos elaborados no 2016 e no que vai deste 2017. Algúns deles xa están aprobados (como é o caso do Proxecto Socieducativo Institucional, verdadeiro marco teórico das liñas de intervención socioeducativa, os procedementos de xestión de queixas e suxestións e o de reclamacións nos centros de acollemento), outros están en vías de revisión para proceder á súa aprobación (protocolo de acoso e abuso sexual, protocolo de maltrato institucional, protocolo de violencia entre persoas menores) e outros están pendentes de inminente aprobación polo órgano competente (protocolo de coordinación cos centros de escolarización e protocolo ante casos de agresión a persoal).

"Cando chegamos a este goberno e abordamos a cuestión de Príncipe Felipe tiñamos claro que era necesario facer un intenso labor de modernización e mellora na súa xestión. Mellora en canto á eficiencia, transparencia e incluso á prestación de servizo. A nosa intención é seguir traballando cuestións para dotar a Príncipe Felipe de mecanismos e pautas de actuación coordinadas. Queremos que Príncipe Felipe sexa unha referencia en atención e funcionamento porque o noso interese é que mentres a Deputación se faga cargo deste servizo, este se realice coas máximas garantías legais e de calidade da atención para os e as menores usuarias", asegurou Eva Vilaverde.