O principal acusado de montar un laboratorio de drogas en Meis recoñece os feitos e exculpa á súa nai

Pontevedra
03 de marzo 2023

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra iniciou este xoves o xuízo contra unha nai e un fillo acusados de ser os responsables dun laboratorio de drogas desmantelado en Meis a principios de xuño de 2021, na bautizada como Operación Aceifa

Xuízo contra unha nai e o seu fillo acusados de montar un laboratorio de drogas na súa casa de Mosteiro
Xuízo contra unha nai e o seu fillo acusados de montar un laboratorio de drogas na súa casa de Mosteiro / Mónica Patxot

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra iniciou este xoves o xuízo contra unha nai e un fillo acusados de ser os responsables dun laboratorio de drogas desmantelado en Meis a principios de xuño de 2021, na bautizada como Operación Aceifa.

Durante a vista oral o principal acusado recoñeceu os feitos exculpando á súa nai.

A muller tamén negou a súa participación nesta actividade delituosa da que asegurou non saber nada.

O fiscal Antidroga, Pablo Varela, pide para cada un dos acusados a pena de 9 anos de prisión e multa de 1.091.000 euros, con responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento da multa proporcional de 3 días de privación de liberdade por cada dez mil euros.

O caso procede do Xulgado número 2 de Cambados. A operación Aceifa foi desenvolta pola Udyco da Policía Nacional, e saldouse coa incautación de diferentes substancias, valoradas no seu conxunto polos peritos xudiciais nuns 280.000 euros.

O laboratorio estaba na casa unifamiliar na que residían os dous acusados e que está situada en Mosteiro, no concello pontevedrés de Meis, onde se interviñeron 1,1 quilos de cocaína; 737 gramos de heroína; 108 quilos de marihuana; 1,8 quilos de resina de cánnabis; 738 gramos de cristal; 407 gramos de crack; 50 litros de licor de marihuana e gran cantidade de substancia de corte para adulterar a droga. Ademais de diversa documentación e material para o tratamento da droga como unha prensa hidráulica, unha mesturadora industrial, secadoras, balanzas de precisión, entre outras.