O primeiro vermú pola diversidade sexual somérxese na danza e na música

Pontevedra
21 de xullo 2019

Unha praza de Méndez Núñez chea de público e de bandeirolas co arco da vella foi o escenario do primeiro dos vermús estivais organizados por Pinto e Maragota, o programa municipal pola diversidade sexual

Vermú pola diversidade sexual en Pontevedra
Vermú pola diversidade sexual en Pontevedra

Unha praza de Méndez Núñez chea de público e de bandeirolas co arco da vella foi o escenario do primeiro dos vermús estivais organizados por Pinto e Maragota, o programa municipal pola diversidade sexual.

O público puido ver o espectáculo de danza contemporánea de Xiana Vilas e Isabel Sánchez, que leva por título Entrenanas e cascalllos e que serviu para converter este espazo público nun ámbito de expresión para as minorías sexuais e nun lenzo vivo e móbil cunha mensaxe de liberación das inhibicións sexuais e os estándares tradicionais de beleza.

Ademais de por esta peza, a sesión vermú estivo amenizada pola música do DJ pontevedrés Moreno Moreno.

A edil de Igualdade, Paloma Castro, destacou o "éxito de público e de acollida" desta primeira iniciativa, que busca visibilizar e dignificar a diversidade sexual e concienciar á cidadanía sobre a necesidade de coñecer e respectar ao colectivo LGTBI.

A iniciativa lévase a cabo en colaboración cos establecementos hostaleiros da cidade, que ofertan prezos especiais nos vermús durante os días de actividades, e combina actividades de danza, performance, música, poesía e debates.

A vindeira actividade terá lugar o día 24 de agosto, a partires das 12.30 horas, cunha performance drag organizada polo colectivo pontevedrés Marikas por la fiesta que se desenvolverá na praza da Verdura.