Ata o viaduto sobre o río Pintos desprazáronse este mércores numerosas autoridades para comprobar o avance das obras do primeiro tramo de autovía A-57, entre Vilaboa e A Ermida (Marcón), que segundo os seus responsables chegou ao "ecuador" da súa execución.
Este tramo, que ten unha lonxitude de 6,5 quilómetros -máis outros dous quilómetros de conexión coa AP-9 e a N-550 en Vilaboa- e ten un custo de 79,4 millóns, estará terminado a finais de 2022, segundo avanzou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.
Terá dous carrís para cada sentido e unha mediana "suavizada", mentres que a zona de conexión terá un carril de baixada e dúas de subida. O tramo contará ademais con catro viadutos e haberá unha ligazón coa N-541, a estrada de Ourense.
Ata o de agora, o groso dos traballos centrouse nos "desmontes" ao seu paso pola Fracha, onde se abriron terrapléns de ata 60 metros de altura.
O director da obra recoñeceu que esta "entorno montañoso" supuxo "ingentes" movementos de terra, volumes "que non son habituales" neste tipo de infraestruturas.
Losada defendeu que esta autovía é unha das infraestruturas "máis esperadas" en Pontevedra, ao ser unha vía de alta capacidade que permitirá "facilitar la movilidad" na área metropolitana de Pontevedra e mellorar as conexións dos seus polígonos industriais.
Con respecto ao resto da A-57, o delegado do Goberno sinalou que o tramo entre A Ermida e Pilarteiros, que terá cinco quilómetros, está "en fase de tramitación"; mentres que para o tramo Pilarteiros-Barro, que inclúe a conexión coa AP-9 e a Autovía do Salnés en Curro (outros 10,2 quilómetros), hai dúas alternativas "entre las que tenemos que escoger".
En total, a autovía supoñerá un investimento superior aos 300 millóns de euros para completar os seus 21 quilómetros, engadiu Javier Losada.
LORES PIDE PRIORIZAR ESTA OBRA
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reiterou que a A-57 é unha obra "necesaria" e que supoñerá unha mellora "transcendental" para a mobilidade de Pontevedra.
A este respecto, Fernández Lores fixo un chamamento ás autoridades do Goberno central para que se priorice "de maneira clara" esta obra tras os "sucesivos atrasos" que foi acumulando nos últimos anos.
O "verdadeiro sentido" desta autovía, engadiu o rexedor, é completar o seu trazado ata Barro, polo que insistiu en que se faga o "máximo esforzo" para desbloquear a tramitación dos outros dous tramos pendentes.