O primeiro compost elaborado en Monte Porreiro, listo a próxima semana

Pontevedra
10 de novembro 2016

En apenas tres meses -a metade do tempo previsto- Monte Porreiro poderá reaproveitar o compost que se produce no barrio. Así o confirmou a concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva, que destacou que dentro do programa de compostaxe comunitaria de Pontevedra o proceso está "moi avanzado" neste ámbito urbano

Composteiro comunitario situado na Praza de Europa
Composteiro comunitario situado na Praza de Europa / Concello de Pontevedra

En apenas tres meses -a metade do tempo previsto- Monte Porreiro poderá reaproveitar o compost que se produce no barrio. Así o confirmou a concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva, que destacou que dentro do programa de compostaxe comunitaria de Pontevedra o proceso está "moi avanzado" neste ámbito urbano.

"Estamos a piques de sacar compost maduro para poder utilizar", explicou a edil do BNG. Dentro duns días poderá ser retirado do módulo de maduración e reutilizado para abonar e fertilizar os parques, xardíns e zonas verdes do propio barrio.

Isto é posible, matizou, polas boas condicións nas que se está producindo o compost, a achega é boa, non hai incidentes nin problemas e estanse logrando temperaturas "altísimas" no seu funcionamento.

O uso do compost no barrio "é case de obrigado cumprimento", segundo Da Silva, polo compromiso que demostraron os veciños de Monte Porreiro, que están a facelo "marabillosamente ben", e o seguimento que se fai por parte da mestra compostera que se encarga de supervisar todo este proceso.

Tanto é así que aos tres composteiros comunitarios existentes actualmente en Monte Porreiro, nas rúas Italia e Alemaña e na Praza de Europa, sumarase moi pronto un cuarto centro de compostaxe. Estará situado na rúa Grecia.

Ademais, a semana que vén tamén entrará en funcionamento o composteiro comunitario de Campañó. "Calculo que será o mércores", adiantou Carme da Silva.

O seguinte paso do programa dirixirase ao centro da cidade. O goberno municipal manterá nos próximos días unha reunión cos veciños de Campolongo. O barrio será o primeiro do centro urbano en contar cun composteiro comunitario, nun lugar aínda sen decidir pero, en todo caso, nas inmediacións do parque principal deste ámbito.

"Xa se fixo o traballo por parte dos técnicos da Deputación de cantos serían precisos", explicou a responsable de Medio Ambiente. Así, haberá dous módulos de compostaxe no barrio. A localización dos mesmos será acordada cos veciños en base a criterios técnicos.