Alguén na Autoridade Portuaria de Marín debeu dar un respingo cando anunciaron que o Prestige ía chegar ao Porto.
Esta mañá atracou no peirao Adolfo Reboredo 2 da zona de Expansión o buque "Double Prestige", procedente de Tenerife e consignado por Ceferino Nogueira S.A.
O "Double Prestige" é un moderno bulk carrier, construído en 2011 e conta cunha eslora de 235 metros, unha manga de 38 e un calado de 14 metros. O buque deixará en Marín unhas 52.000 toneladas de trigo con orixe en Brasil.
Isto orixinou unha intensa operativa de descarga co traslado ata o peirao Reboredo do último guindastre automóbil adquirido por Nogueira, ademais das dúas tolvas ecolóxicas que habitualmente operan nos peiraos Manuel Leirós.
Durante toda a xornada rexistráronse importantes movementos de camións, con colas de ata cincuenta transportistas esperando quenda para recibir a mercancía directamente do barco ao camión antes de descargala nos almacéns.
A actividade continuará ata o venres, cando o barco ten previsto o seu desatraque para continuar ruta.
Continúa deste xeito o éxito nas descargas masivas de graneis agroalimentarios no Porto de Marín, un dos tráficos que neste porto conta con certificación europea de calidade para todos os axentes que interveñen en cada unha das operacións.