O presidente de Portos de Galicia visitou o remate das obras no peirao de Covelo

Poio
30 de xuño 2016

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, investiu máis de 175.000 euros na mellora e humanización da contorna da nova ponte de acceso ao porto de Covelo

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, investiu máis de 175.000 euros na mellora e humanización da contorna da nova ponte de acceso ao porto de Covelo, no municipio pontevedrés de Poio. O presidente do organismo portuario, José Juan Durán, visitou este xoves os traballos executados e que xa se atopan rematados.

En concreto as obras consistiron, nunha primeira fase, na reforma da ponte de acceso ao porto a través da substitución do taboleiro de formigón armado.

Esta plataforma presentaba desperfectos e aproveitando o seu cambio ampliouse para que puidesen cruzarse dous carrís de circulación. Ademais instaláronse dúas beirarrúas, de xeito que mellora a seguridade peonil na zona. Esta primeira actuación contou cun investimento de 117.687 euros.

Unha vez executados estes traballos procedeuse á humanización e acondicionamento da contorna da beiramar na zona próxima. Para iso consolidáronse e renováronse os apoios, estribos e muros da nova ponte, trasladáronse parte dos servizos de abastecemento e media tensión eléctrica, e recubriuse unha tubaxe de saneamento. Finalmente, regularizouse o firme na zona para mellora da seguridade viaria e en concreto do tránsito rodado. Esta obra complementaria contou cun investimento de 59.000 euros.