O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeuse este sábado cos familiares do Villa de Pitanxo a trasladar ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez as súas peticións sobre a investigación do accidente.
Nun encontro que tivo lugar este sábado no Concello de Marín entre o mandatario galego e as familias das vítimas, cinco meses despois do sinistro no que desapareceron 21 mariñeiros que faenaban en augas de Canadá, Alfonso Rueda recolleu unha carta que lle pediron que fixera chegar a Pedro Sánchez cando este reciba ao presidente da Xunta.
Rueda insistiu en que o Goberno central debería poñer todos os medios a disposición da investigación, e máis agora, cando as condicións meteorolóxicas facilitarían os labores de localización dos desaparecidos. Reiterou, ademais, que o Goberno galego non escatimará recursos para colaborar nesa procura en caso de que o Executivo teña en conta as reiteradas peticións de axuda por parte dos familiares das vítimas.
O titular do Goberno galego recordou que é prioritario aclarar o sucedido no accidente que tivo lugar o pasado 15 de febreiro e que así llo trasladará ao presidente do Executivo central cando manteñan o primeiro encontro logo da investidura de Rueda como presidente da Xunta. De aí que lamentase que dous meses despois do seu nomeamento, a reunión aínda non teña data.