O presidente da Deputación atribúe as críticas do PSOE á súa "desorientación" tras a derrota electoral

Pontevedra
22 de setembro 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, manifestou que "a desorientación que ten o PSOE motivada pola súa derrota electoral é cada vez máis rocambolesca" en relación á denuncia do portavoz socialista Carlos Font dun "galopante proceso de baltarización" na administración provincial  

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / PontevedraViva

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, manifestou que "a desorientación que ten o PSOE motivada pola súa derrota electoral é cada vez máis rocambolesca" en relación á denuncia do portavoz socialista Carlos Font dun "galopante proceso de baltarización" na administración provincial. 

A preguntas dos xornalistas nunha comparecencia celebrada este venres en Pontevedra, Luís López sinalou que no PSdeG-PSOE "ou se ten mala memoria ou os datos téñenos mal" cando o partido da oposición reprocha a actuación do actual goberno provincial en materia de recursos humanos.

O presidente da Deputación lembrou que o proceso de funcionarización de 79 prazas do persoal laboral aprobouno o anterior goberno bipartito e en canto aos postos de persoal eventual "temos os mesmos que tiñan eles: 18, pero coa condición de que nós só temos cubertos doce".

Para Luís López unha "crítica tan dura" como a feita polo Partido Socialista "só pode ser resultado dese shock no que aínda están" e engadiu que "xa pasaron dous meses pero aínda non se dan recuperado".

Por último, o presidente da Deputación de Pontevedra asegurou que "nada me sorprende recibir leccións de transparencia daqueles que protagonizaron o ‘caso cuñada’", polo que un ex funcionario do Concello de Vigo foi condenado pola Audiencia Provincial por ‘enchufar’ a unha familiar da anterior presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

"Pontevedra, por desgraza, aínda non ten unha oposición á altura dos pontevedreses", lamentou Luís López.