O cociñeiro do Grupo Nove, Yayo Daporta, foi o encargado de dar lectura ao pregón da LII edición da Festa do Marisco durante este sábado 3 de outubro no que a carpa continúa acollendo numerosas actividades relacionadas co mar e co mundo gastronómico explorando as posibilidades culinarias do marisco.
Diferentes cociñeiros pasarán durante estes días pola Cociña en Vivo, unha proposta na que ofrecerán as súas innovacións e preparacións con sesións monográficas dedicadas ao rodaballo ou mesmo aos cócteles. Este mediodía foi o cociñeiro Javier Ozores o encargado de mostrar os seus coñecementos culinarios e Damián Alfonso preparou o seu prato de "Xiba na súa tinta con cremoso de pataca e ceviche de abadexo". Durante este domingo 4, César García ensinará a cociñar unha hamburguesa de rodaballo.
Nestas sesións tamén se inclúen as xornadas de "A cociña do mar", organizadas por Emgrobes, e que nesta edición dedícanse á orella de mar, á ameixa reló e á anemone de mar.
Na noite deste sábado, o escenario da Festa do Marisco acollerá a partir das 23.00 horas o principal concerto deste ano protagonizado polo cantante Loquillo na praza do Corgo con David Chiquillo e Antonio Casado como teloneiros.