Marín está en festas. O pregón do boxeador Aarón González foi este sábado o inicio das Festas do Carme 2019.
Por diante, 11 días dunha intensa programación festiva para goce de todos os veciños e veciñas da vila, ata o próximo día 16 de xullo.
"No es nada fácil estar aquí, delante de tanta gente, sin unos guantes de boxeo para defenderme", sinalou na súa intervención o popular deportista local, quen tirou de recordos da súa infancia para dar a benvida aos festexos patronais.
González desexou aos seus veciños "que disfrutéis de cada momento rodeados de los vuestros" antes de concluír cun "¡Viva la Virgen del Camen, viva Marín y viva las Fiestas del Carmen!".
Nunha Alameda vestida de gala para a ocasión iniciouse despois a programación festiva co XIII Certame de bandas de gaitas. Este domingo estaba prevista tamén a actuación do grupo galego Cantigas e Agarimos na Alameda.
Só un aperitivo do que está por chegar, co concerto de Efecto Pasillo e o DJ Dani Moreno, o sábado 13 de xullo no Parque Eguren, ou as actuacións das orquestras Panorama, Combo Dominicano, Miramar, La Ola Adn, París de Noia, Capitol e Johnny Maquinaria.