As festas patronais de San Roque despegan este venres e fano cunha axenda na que, ademais dos actos máis tradicionais, como a lectura do pregón e a ofrenda floral ao Santo Patrón, haberá a actuación de Leo Bassi no Auditorio no marco do Festaclown e o concerto na Xunqueira do músico urbano Don Patricio.
O pistoletazo de saída das festas deste ano darase ás 20.30 horas na Praza de Ravella co pregón da xornalista María Foscaldo, máis coñecida en redes sociais como MeryFos. Afincada en Vilagarcía dende hai anos, suma máis de 150.000 seguidores en TikTok e Instagram, onde popularizou a personaxes de creación propia como Virtudes de Galiñanes, alias "a repunante".
A pregoeira adiantou que tratará de facer un pregón divertido e no que non se descarta que poida facer acto de presenza a mesma Virtudes. Como se vén facendo dende 2019, a lectura traducirase simultaneamente á lingua de signos para que tamén poidan gozar del as persoas con discapacidade auditiva.
Na Praza de Ravella reuniranse, como de costume, a Banda de Música de Vilagarcía e as agrupacións sociais e culturais que, unha vez rematado o pregón, se desprazarán camiñando ata a Praza de España para participar na ofrenda floral ao Santo Patrón. A comitiva desfilará polos Xardíns de Ravella, a rúa Ramón y Cajal, a Praza de Galicia, as rúas Castelao, Xeneral Pardiñas e Covadonga para rematar ante a igrexa de Santa Baia de Arealonga, onde ás 21.00 horas comezará a homenaxe a San Roque.
CORTE DE RÚAS O VENRES
A avenida Juan Carlos I péchase ao tráfico a partir das 20.15 horas dende a confluencia con San Roque ata o cruce de Rosalía de Castro coa rúa Colón.
O acceso rodado á Praza de España por Doutor Tourón restrínxese dende a intersección coas rúas Alejandro Cerecedo e Fariña Ferreño.