O PP urxe á Deputación axudas directas para paliar as consecuencias da inflación

Pontevedra
27 de abril 2022

O grupo provincial do Partido Popular defenderá no pleno deste venres unha moción na que piden á Deputación de Pontevedra que aprobe un plan de axudas directas, a través dunha modificación de crédito orzamentaria, "destinada a apoiar aos sectores económicos da provincia afectados pola inflación e o incremento desmesurado dos prezos"

Deputados do grupo provincial do Partido Popular
Deputados do grupo provincial do Partido Popular / Mónica Patxot

O grupo provincial do Partido Popular defenderá no pleno deste venres unha moción na que piden á Deputación de Pontevedra que aprobe un plan de axudas directas, a través dunha modificación de crédito orzamentaria, "destinada a apoiar aos sectores económicos da provincia afectados pola inflación e o incremento desmesurado dos prezos".

O voceiro do PP, Jorge Cubela, explica que, cunha inflación "desbocada" pola "escalada vertixinosa" do prezo dos produtos enerxéticos, carburantes e materia prima, "faise necesario que todas as administracións sen excepción e sen excusas adopten medidas urxentes, tamén a institución provincial".

Os populares queren un plan de axudas directas coas que apoiar ao sector agrícola, gandeiro, conserveiro, pesqueiro "en definitiva, autónomos e pemes da nosa provincia que ven en risco serio a súa supervivencia". 

Sostén o PP que a situación "agrávase pola falta de medidas eficaces do Goberno central" polo que insisten en que a Deputación de Pontevedra "ten que comprometerse en serio coa provincia. Ante situacións excepcionais, deben darse respostas excepcionais".