O PP traslada aos funcionarios municipais a súa preocupación pola "carga de traballo" de bombeiros e policías

Pontevedra
31 de xaneiro 2023

Rafa Domínguez asegura que esa preocupación é xeneralizada sobre a situación dos policías e bombeiros. "Non só falamos de condicións salariais, referímonos tamén ao escaso número de efectivos de ambos os corpos", explica. Reuniuse este martes cos representantes da Xunta de Persoal do Concello

Reunión de Rafa Domínguez e Pepa Pardo cos sindicatos municipais
Reunión de Rafa Domínguez e Pepa Pardo cos sindicatos municipais /

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, manifestou este martes que lle preocupa "seriamente" a "carga de traballo" á que están sometidos dous corpos municipais fundamentais, o Corpo de Bombeiros e a Policía Local. 

Así o manifestou despois manter unha reunión con os representantes dos traballadores municipais para analizar a actual situación dos empregados do Concello. 

A reunión contou coa presenza de toda a Xunta de Persoal do Concello, integrada por CIG, CSIF, UXT, CCOO, SPPME e AFUMPO, e tamén coa concelleira do PP Pepa Pardo. 

O máximo responsable do PP local matizou que esa preocupación é xeneralizada sobre a situación dos policías e bombeiros. "Non só falamos de condicións salariais, referímonos tamén ao escaso número de efectivos de ambos os corpos", explica. 

Domínguez fala vulneración de dereitos tan "esenciais" como a conciliación entre a vida familiar e laboral e lembra que os sindicatos con representación na Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra "rexeitan sen excepción a política de persoal que leva a cabo a concelleira de Persoal, Carme Fouces, e por extensión, ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores".

"O Concello non quere solucionar unha situación que só require de vontade política", insiste Domínguez mentres que Pepa Pardo sinala que é "fundamental" seguir reuníndose cos representantes dos funcionarios "para manter unha comunicación fluída e estar ao tanto da situación de todos os traballadores do Concello".