O PP traslada a Fiscalía novas sospeitas de irregularidades co contrato de Elsamex

Pontevedra
21 de xaneiro 2015

O Partido Popular recorre novamente á Fiscalía de Pontevedra polo caso Elsamex. Tras poñer no seu coñecemento as presuntas prórrogas irregulares do contrato de mantemento de zonas verdes e xardíns, os populares aseguran agora que o Concello de Pontevedra leva nove anos pagando á empresa máis diñeiro do que lle correspondería pola superficie a manter que hai na cidade

María José Rois e César Abal, na rolda de prensa na sede do PP local
María José Rois e César Abal, na rolda de prensa na sede do PP local / PontevedraViva

O Partido Popular recorre novamente á Fiscalía de Pontevedra polo caso Elsamex. Tras poñer no seu coñecemento as presuntas prórrogas irregulares do contrato de mantemento de zonas verdes e xardíns, os populares aseguran agora que o Concello de Pontevedra leva nove anos pagando á empresa máis diñeiro do que lle correspondería pola superficie a manter que hai na cidade.

Os populares aseguran que o contrato de mantemento asinado en 2006 consideraba un total de 822.364 metros cadrados como referencia orientativa dos espazos nos que tería que traballar a empresa. O prego establecía que Elsamex debía facer un inventario que determinase a superficie concreta, uns datos que podían aumentar ou reducir proporcionalmente a cifra estipulada no contrato.

Este inventario obrigatorio, segundo o concelleiro César Abal, non se realizou ata o ano 2012. Nel rexistráronse un total de 233.008 metros cadrados de xardíns e zonas verdes, é dicir, unha diferenza de case 600.000 metros cadrados "pagados a Elsamex y que no se han mantenido". O PP denuncia que, a pesar da diferenza, o goberno municipal non axustou o prezo das facturas que a empresa remitía ao Concello de Pontevedra.

O problema é "grave", segundo María José Rois -vicesecretaria de asuntos xurídicos do PP local-, porque a empresa "está facturando por servicios no prestados" e, mentres tanto, a factura dende 2006 elevouse dende os 28.500 euros mensuais aos 35.000 que se pagan hoxe en día. E así llo fixeron saber á Fiscalía tras analizar o expediente que o Concello de Pontevedra remitiu ao xulgado.

Os populares, en todo caso, pregúntanse polo motivo polo que o goberno municipal non lle esixiu á empresa a realización do devandito inventario, cal é a cantidade de diñeiro que se estivo a pagar de máis durante todos estes anos e se "hay algo más detrás de este contrato" do que se coñece ata o momento.

Con respecto á investigación deste contrato, a Fiscalía tomou declaración nos últimos días, entre outros, ao secretario e ao interventor municipal, así como a técnicos do servizo correspondente. Ademais, pediu ao Concello a relación dos integrantes da Xunta de Goberno actual.

RESPOSTA DO GOBERNO MUNICIPAL

Dende o goberno municipal, a concelleira responsable de parques e xardíns, Anxos Riveiro, limitouse a afirmar que os traballos que realiza a empresa Elsamex "están supervisados" polos técnicos municipais e que os seus operarios están a traballar en todas as zonas verdes en vigor e contratadas no seu momento. "ÿ unha cuestión normal dentro do funcionamento do concello", concluíu.

Arquivado en