O presidente provincial do PP de Pontevedra e presidente da Deputación, Rafael Louzán, anunciou que o seu grupo provincial solicitará a través dunha moción no próximo pleno, a inclusión da Illa de Tambo no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Louzán sinalou que deste xeito os populares posiciónanse claramente, "pero queremos ir máis alá, ante as institucións que correspondan facer todas as xestións oportunas para que se leve a cabo esta posibilidade".
Esta iniciativa quere contribuir a poñer en valor a riqueza paisaxística e histórica deste enclave ubicado na ría de Pontevedra, tendo en conta as múltiples vicisitudes polas que o illote pasou ao longo dos séculos "e que servirán para enriquecer a visión que o visitante do Parque Nacional adquira sobre a vida en torno a esta área do Atlántico".
Louzán admitiu que a inclusión de Tambo no Parque Nacional leva aparellada unha "preocupación importante", que ésta afecte aos bancos marisqueiros da zona, e concretamente aos traballo dos mariscadores que desenvolven alí a súa actividade.
Coincide esta moción coa iniciativa formulada polo Concello de Poio
Por isto, Louzán explicou que a moción que o PP presentará e que conta con ter o apoio dos demais grupos de Goberno, contempla que a inclusión de Tambo no Parque das Illas Atlánticas se faga respectando os traballos que tradicionamente se veñen realizando na súa contorna e salvagardando o uso dos bancos marisqueiros situados na contorna da illa. "Non queremos que prexudique os intereses das persoas que están mariscando nesa zona", explicou.
Non é a primeira vez que se pon en marcha esta iniciativa. Noutras ocasións viuse paralizada por algunha incidencia, "pero cremos que dado o novo contexto aberto coa Lei de Costas entendemos que é o momento", xa que Louzán entende que a nova Lei de Costas "é máis flexible".
Coincide esta moción coa iniciativa formulada polo Concello de Poio dentro da Axenda Estratéxica deseñada para a illa, conxuntamente coa Universidade de Vigo, e que pretende dotar á illa dalgún tipo de protección paisaxística como a declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL), e solicitar dotación económica á Xunta para a súa posta en valor.