O grupo provincial do Partido Popular solicita ao goberno da Deputación de Pontevedra que retome a actividade do Parque de Maquinaria e estableza un plan de actuacións para dar resposta ás necesidades que hai nos concellos da provincia.
Os deputados Nidia Arévalo, Ángel Moldes e Luis Aragunde presentaron esta martes no rexistro da institución unha moción para debater no próximo pleno, e criticaron que a maquinaria leve seis meses parada "cando hai moitos problemas que atender en toda a provincia". Como exemplos, amosaron imaxes que enviaron os alcaldes e voceiros da provincia para denunciar o estado das estradas nas que o aglomerado está totalmente deteriorado, "con socavóns que dificultan, e incluso supoñen un importante perigo para a circulación".
Nesta liña, Ángel Moldes dixo que "calquera alcalde ou voceiro botan as mans á cabeza, vendo o estado dos viais provinciais, o estado no que están, e ver que desde a deputación teñen este parque parado".
Recordaron que hai investidos preto de 5 millóns de euros en maquinaria que se está deteriorando sen uso. Ademais, hai que sumar a planta de aglomerado así como preto de 40 traballadores do servizo.
Pola súa parte, a voceira Nidia Arévalo subliñou a "improvisación" deste goberno, e dixo que a visita que os deputados fixeron a semana pasada ao Parque de Maquinaria, "polo de pronto, xa provocou que empezasen a mover algunhas das máquinas". E tamén provocou, dixo, "que alcaldes de toda a provincia, independentemente da súa cor política, se amosasen totalmente sorprendidos porque descoñecían que o parque estivese así".
SEN SALA DE PRENSA
Tras presentar a moción, os deputados provinciais tiveron que atender aos medios de comunicación ás portas do rexistro da Deputación de Pontevedra, despois de que lle denegaran o uso da sala de prensa, segundo denunciaron.
A voceira Nidia Arévalo criticou esta decisión, e preguntou que pasaría se no congreso ou no parlamento Rajoy e Feijoo fixeran as declaracións nunha sala, "e a oposición tivese que facelas nun sótano, como se pretende neste caso".
A popular recordou que con esta decisión pecha as portas da sala de prensa ao grupo maioritario da corporación.