O PP de Pontevedra sente orgullo do "esforzo" que o sector turístico da cidade realizou nos últimos tempos para adaptarse á nova realidade derivada da pandemia do coronavirus e das medidas adoptadas polo seu partido desde o goberno da Xunta de Galicia para dinamizar unha actividade económica moi golpeada pola crise. Este martes, demostrouno cun percorrido pola capital.
O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez; a número 2 do partido no municipio, Pepa Pardo; e os membros da candidatura do PP á Xunta de Galicia nas eleccións do 12 de xullo Guille Juncal e Lupe Murillo percorreron este martes a cidade para comprobar esas medidas tomadas por diferentes establecementos e para promocionar a vila como destino turístico seguro.
Durante unha visita ás instalacións do Hotel Rías Bajas para coñecer como se adaptou aos protocolos sanitarios fronte ó coronavirus, Domínguez destacou que hoteleiros e hostaleiros "veñen de realizar un esforzo importantísimo para ofrecer o mesmo servizo de calidade, pero asegurando a saúde dos turistas" que elixen a nosa cidade como destino para as súas vacacións.
Lupe Murillo sacou peito do traballo da Xunta que preside Alberto Núñez Feijoo, nos últimos anos para consolidar un modelo turístico propio "de proximidade" para seguir defendendo un dos sectores económicos máis importantes de Galicia e, a raíz da pandemia, para que Galicia continúe sendo un destino seguro, entre outras actuacións, con un paquete de medidas cun investimento que supera os 8 millóns de euros.
Domínguez tamén quixo destacar a adaptación de medidas no albergue de Pontevedra co obxectivo dunha peregrinación segura, instalaciÓns que o pasado sábado visitou o presidente nacional do PP, Pablo Casado, na súa segunda visita á cidade nunha semana.