O rexeitamento dos deputados do PPdeG impediu que o Parlamento galego aprobara unha iniciativa presentada polo BNG na que se esixía que a Xunta de Galicia descartase definitivamente o transvasamento do río Verdugo.
O deputado nacionalista Luís Bará lamentou o "veto" dos populares a unha proposta "construtiva" que buscaba "salvagardar" o río Verdugo e, ao mesmo tempo, garantir a subministración de auga a Vigo e a todos os concellos que comparten rede de abastecemento.
A proposta do BNG instaba a rexeitar o transvasamento ao supoñer unha "catástrofe" ambiental e económica e servir tan só de "parche" para unha situación moito máis complexa. "Non hai necesidade de abordar esta obra", destacou Bará, que lembrou que en 2012 xa fora rexeitada polo seu impacto ambiental.
Ademais, o deputado pontevedrés solicitaba que a Xunta abandonase a "confrontación" cos concellos afectados.
Para solucionar o problema de Vigo, os nacionalistas propoñían abordar "de inmediato" un plan de investimentos para modernizar a súa rede de abastecemento, que con instalacións "deterioradas e obsoletas" perden ata a 30% da auga que distribúen.
Con todo, os populares rexeitaron a iniciativa no seu conxunto. O deputado Alberto Pazos explicou que o seu grupo non ía apoiar esta "improvisada" proposición non de lei porque defenden que se faga ese transvasamento pola vía ordinaria e con "consenso".
Tras remarcar que desapareceu a situación de emerxencia "porque choveu, non por presión popular", Pazos defendeu a necesidade dese transvasamento para non "condenar" aos cidadáns a que a subministración dependa do goberno "máis irresponsable" da cidade de Vigo, ao que acusa de realizar un "cúmulo de disparates".
"En Vigo hai dúas cousas demasiado turbias: a auga que sae polas billas e a actuación do goberno municipal", sentenciou.
Pola súa banda, a socialista Patricia Vilán lamentou que a Xunta impulse ese transvasamento porque espera que "lle dea réditos políticos", a pesar de que ata o alcalde popular de Soutomaior "deuse conta da presión veciñal e tamén protestou". Aínda así, abstivéronse na votación.
Marcos Cal, deputado de En Marea, mostrou o respaldo á iniciativa do BNG fronte a un transvasamento "irracional" e reprochou que o PP busque "chegar como un gran salvador" ao tentar facer unha obra "tan agresiva co medio ambiente".