Que a Xunta de Galicia mostre a "mesma sensibilidade" que coa depuradora e aposte por un proxecto "máis efectivo e menos lesivo" que, en todo caso, debe ser proposto polo Concello. Esa é a nova postura do Partido Popular con respecto á variante de Alba.
O portavoz do PP, Rafa Domínguez, asegurou que este cambio non foi provocado por unha decisión "tomada a la ligera", senón despois de manter reunións con "todas las partes" implicadas neste proxecto, sobre todo con veciños e colectivos sociais.
O trazado aprobado pola Xunta, que chegou mesmo a certificar que era o "único posible" para construír este vial, ten segundo Domínguez un "enorme impacto" na zona e "no soluciona" os problemas de mobilidade de Pontevedra.
"Campañó no merece partirse en dos", asegurou o líder dos populares de Pontevedra, que lembrou as "numerosas" alegacións presentadas contra o trazado, entre elas as presentadas polos técnicos do Concello que foron "contundentes".
Lonxe de renunciar á futura variante, Rafa Domínguez considera que ante este rexeitamento o Concello debe propoñer un trazado alternativo ao previsto. "Tiene que ser el gobierno municipal el que diga por dónde tiene que ir", sinalou en rolda de prensa.
Eles son, defendeu, os que mellor coñecen o seu territorio e os que deben, ademais, contactar cos veciños e buscar un consenso para unha variante que, en todo caso, debería mellorar a contorna do colexio e manter a senda peonil, segundo o dirixente do PP.
Domínguez explicou que esta posición "non foi consensuada" coa Xunta, aínda que recoñece que si lla trasladou xa á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade porque "no le vemos beneficio a este proyecto y sí todos sus perjuicios".
"Si hoy por la tarde llega Alberto Núñez Feijóo y nos dice que quiere ese proyecto le diré al presidente que yo prefiero a los vecinos de Pontevedra y tener una solución óptima", dixo o portavoz do PP, que engadiu que, chegado ese caso, "nos tendrá enfrente".
O CONCELLO TEME QUE A XUNTA RENUNCIE Á VARIANTE
Tras coñecer este cambio de posicionamento, o edil de Infraestruturas, César Mosquera, lamentou que ao PP "se lle esqueza" que o Concello xa presentou no seu día un trazado "moito mellor" que o aprobado e foi rexeitado pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento.
"Cumprimos o noso papel pero a que ten que decidir é a Xunta porque as estradas son súas", sinalou Mosquera, que ironizou con que esta "enmenda á totalidade" que fan os populares a este proxecto é un "problema interno" do PP.
O problema parte, segundo o goberno municipal, de que a Xunta apostou por un trazado "durísimo" e negouse a que a vía tivese características urbanas e se adaptara ao territorio "de xeito suave" como pasou coa Rolda Leste ou o acceso a Monte Porreiro por Lérez.
O edil do BNG pediu "un pouco máis de sentidiño" a Rafa Domínguez, porque a súa actuación "non parece nada seria" e prodúcese, segundo apuntou, "por instrución da Xunta", o que lle fai temer que o goberno galego queira paralizar o proxecto.