A deputada socialista Patricia Vilán esixiu este venres ao goberno galego a posta en marcha das obras do novo edificio para os xulgados de A Parda de xeito que estea en servizo antes do remate de 2016. Dende o grupo popular, o deputado Jacobo Moreira, negouse a fixar unha data para a posta en marcha do novo edificio ata que o Concello de Pontevedra proceda á cesión efectiva dos terreos.
Os dous deputados pontevedreses debatiron no Parlamento a situación do proxecto do novo Edificio Xudicial.
A socialista alertou da falla de interese do goberno galego polo proxecto, "que pasou de orzamentar 10 millóns en 2013 a só 1,7 en 2015" e pola súa banda, o popular terciou que "neste momento, a Xunta ten feito o proxecto, está pagado e as persoas afectadas foron escoitadas para a súa realización, ao tempo que nos orzamentos deste ano están consignados 20 millóns de euros para o seu investimento plurianual entre 2015 e 2017, que non se poden investir porque o Concello non fixo entrega dos seus terreos", sinalou Jacobo Moreira.
Sen embargo Patricia Vilán lembrou que o concello "xa ten dispostos os terreos" nos que se debera construír o novo edificio xudicial, "en teoría o único requisito que quedaba pendente para que o goberno galego iniciara o proxecto". Por este motivo reclamou comezar xa co proceso, licitando as obras e presentando o proxecto básico neste ano, permitindo comezar as obras e rematar o inmoble en prazo.
Jacobo Moreira insistiu en que o Concello de Pontevedra "leva cinco anos mentindo aos cidadáns" e a Xunta "ten cumpridos todos os seus compromisos pero non pode construír un edificio nuns terreos que non son seus", polo que acusou ao Partido Socialista de pretender que a Xunta "usurpe uns terreos que son propiedade municipal, unha postura que consideramos totalmente irresponsable", engadiu.
Finalmente, a deputada Patricia Vilán advertiu das dúbidas dos socialistas galegos co compromiso do goberno galego cara este proxecto e advertiu que o vicepresidente do Goberno, Alfonso Rueda, leva asegurando dende 2013 que o proxecto está practicamente ultimado, sen que a día de hoxe ninguén teña visto o suposto proxecto arquitectónico dun inmoble de 8 plantas, "mais alá dun debuxo".