O PP reunirase con representantes veciñais en busca de respaldo á oposición ao proxecto peonil de Monte Porreiro

Pontevedra
08 de agosto 2021

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, iniciará este luns unha rolda de contacto cos axentes sociais do barrio de Monte Porreiro que estiveron recollendo firmas para opoñerse á reforma que o Concello ten proxectada na zona

Rafa Domínguez
Rafa Domínguez / Cristina Saiz

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, iniciará este luns unha rolda de contacto cos axentes sociais do barrio de Monte Porreiro que estiveron recollendo firmas para opoñerse á reforma que o Concello ten proxectada na zona.

Domínguez insiste en que o Concello debe "repensar a decisión de cortar ao tráfico a rúa que vertebra o barrio e que xerou unha total oposición" e manifesta que "o non dos veciños debería ser suficiente para que o proxecto se paralice".

Por iso, a súa intención é reunirse co maior número de representantes veciñais para mostrar o seu apoio e convencemento "ante unha obra que non se axusta á realidade e demandas desta zona" xa que as firmas "xa superan o dous mil".

"Non sorprende que o BNG propoña unha obra que carece de criterio e que non respecta o que digan os veciños. Calquera que pisase Monte Porreiro sabe que hai actuacións que urxen moitísimo máis que esta, e ese é o sentimento no barrio. O que si sorprende é que ante tal oposición cidadá non desen un paso atrás, o que vén confirmar que aos nacionalistas pouco impórtalles o que a xente opine", conclúe Domínguez.