O PP reivindica en Cambados a Lei do Litoral e esixe ao goberno central "o inmediato traspaso de medios" para xestionar a costa

O Salnés
27 de abril 2024

En tres actos simultáneos celebrados este sábado en Cambados, Viveiro e Malpica, o Partido Popular de Galicia reivindicou a Lei do Litoral coa lectura dun manifesto despois de que o Tribunal Constitucional avalara por unanimidade esta lei  

O Partido Popular de Galicia reivindica a Lei do Litoral en Cambados
O Partido Popular de Galicia reivindica a Lei do Litoral en Cambados / Partido Popular de Galicia

En tres actos simultáneos celebrados este sábado en Cambados, Viveiro e Malpica, o Partido Popular de Galicia reivindicou a Lei do Litoral coa lectura dun manifesto despois de que o Tribunal Constitucional avalara por unanimidade esta lei.

"Galicia non se entende sen a súa costa. Non en van, somos a comunidade autónoma marítima por excelencia, co litoral máis longo de toda España, e dispoñemos dun dos ecosistemas mariño-costeiros máis variados e ricos do mundo. A esta riqueza ambiental súmase unha beleza paisaxística excepcional", comezaron os populares.

Indicaron tamén que a costa galega é "única" e Galicia mesmo "quere e pode" xestionala ao contar "desde hai anos coas competencias de ordenación. Así o recoñece o noso Estatuto de Autonomía, e así o ratificaron o Consello Consultivo e o Tribunal Constitucional".

De feito, foi precisamente o TC o que avalou esta lei "feita por e para Galicia, que aposta por unha xestión integrada desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica, seguindo o camiño que marca Europa. E que ademais persegue a xestión sostible da nosa costa tanto no ambiental como no socioeconómico, promulgada desde onde mellor se coñece".

A raiz de ese respaldo, o Partido Popular de Galicia considera que agora "é o momento de recuperar os meses perdidos debido ao recurso do Goberno central. Un recurso máis político que xurídico, e que é un claro exemplo da diferenza de trato a Galicia con respecto a outras comunidades, coas que si dialogou e chegou a acordo, como Cataluña, Illas Baleares e o País Vasco".

Esta sentenza avala que a norma galega é "plenamente constitucional", polo que os populares esixen ao Goberno central "o inmediato traspaso de medios materiais e persoais para que a Xunta poida outorgar as concesións no dominio público marítimo-terrestre" para así poder empezar a "xestionar a súa costa sen atrancos".

"Galicia xa o sabía, pero agora xa o sabe todo o mundo: cumprindo cos preceptos establecidos pola Unión Europea, a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral é o mellor para a nosa Comunidade e para o noso futuro", concluíron.