O grupo municipal do PP de Cuntis solicita a adopción inmediata de medidas integrais de mellora da seguridade viaria na estrada N-640 ao seu paso polas parroquias de Cuntis, Troáns, Arcos e Portela por parte do Ministerio de Transportes, Movilidad e Agenda Urbana.
Os populares acaban de presentar unha moción, para o seu debate ante o pleno, co obxectivo de instar á Unidad de Carreteras del Estado en Pontevedra, dependente do citado Ministerio, a que acometa accións inmediatas en Portodegómez pola presenza dunha escola infantil e a carencia de medidas de seguridade axeitadas, que mellore as condicións de visibilidade, iluminación e seguridade en todos os pasos e interseccións das catro parroquias cuntienses polas que discorre esta Nacional e que execute as accións necesarias no seu trazado ao seu paso polo municipio para mellorar as súas condicións.
A formación que lidera Isabel Couselo reclama pasos de peóns elevados en Portodegómez nas inmediacións da escola infantil e noutros puntos e a mellora das condicións de visibilidade, iluminación e circulación nas interseccións.
"Levamos meses preocupados con este tema e incluso en xuño dirixímonos a Carreteras del Estado, pero lamentablemente aínda non temos resposta, así que chegou o momento de seguir avanzando na reclamación das melloras na N-640 que se merece Cuntis", explicou a voceira municipal.
Couselo agarda obter o respaldo dos demais grupos municipais "ante unha cuestión de xustiza, sentido común e preocupación polos veciños de Cuntis" co obxectivo de "empezar a petar nas portas do ministerio para que nos atenda como nos merecemos neste concello".