O Partido Popular presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para que se apoien a través das administracións locais os actos relacionados coa vida da persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas. Esta proposta foi presentada na mañá deste luns 9 polo vicevoceiro do PPdeG no Parlamento, Román Rodríguez, acompañado polo xefe da oposición local, Jacobo Moreira, e pola deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez.
A iniciativa busca que o goberno do BNG en Pontevedra convoque actos en homenaxe a José Filgueira Valverde, o escritor pontevedrés ao que está dedicado o Día das Letras Galegas deste ano, despois da polémica xurdida despois de que diferentes representantes do BNG no goberno local considerasen "inadecuada" a súa elección para a festa das letras galegas.
Jacobo Moreira entende que esta decisión tería que ser un motivo de orgullo e, non obstante, non ten coñecemento de que o goberno local teña previsto organizar actos de homenaxe a Filgueira Valverde. O secretario local do PP engadiu que esta actitude responde ao xeito de actuar o BNG incumprindo acordos plenarios como o aprobado entre os populares e o PSOE para a celebración destas actividades en memoria do investigador e escritor pontevedrés.
"Houbo outros acordos plenarios que incumpriu, cando se lle obrigou a mediar no conflito coa Brilat, o alcalde nin se molestou en mediar no conflito ou cando se lle requeriu á xunta de goberno a aportación dun documento para aprobar un Plan Xeral. Pasou un ano e non cumpriron o acordo plenario. Non me estrañaría nada que o BNG tamén volverá incumprir un novo acordo plenario" indicou Moreira que engadiu que "a memoria de Filgueira Valverde non merece este tipo de actuacións".
Os tres representantes populares indicaron que tanto a Xunta coma a Deputación organizarán un amplo programa de actividades á espera de que o Concello "recapacite".
RESPOSTA DA CONCELLEIRA DE CULTURA
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro sinalou que "o Concello de Pontevedra vai colaborar como sempre se fixo coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega igual que se fixo con Paz Andrade. Do acto da Real Academia Galega aínda non temos noticia de como e cando se vai desenvolver. Co Consello da Cultura Galega houbo algunhas comunicacións pero está aínda por pechar o acto no Pazo da Cultura nos días previos". E engadiu que durante o mes de maio se colaborará coas entidades sociais na divulgación da personalidade homenaxeada e cos actos que se organicen.