O PP reclama á Deputación que colabore económicamente na construción do albergue de Cáritas en Pontevedra

Pontevedra
07 de xullo 2021

Os populares reuníronse con representantes da entidade para coñecer a súa iniciativa. Reclaman apoio institucional e económico á campaña de micromecenado que están levando a cabo

Reunión do PP con Cáritas
Reunión do PP con Cáritas /

O grupo provincial do PP trasladará ao pleno da Deputación de Pontevedra a campaña posta en marcha por Cáritas para financiar a construción na cidade do albergue para persoas sen fogar.

Os populares recollen así a proposta desta entidade, que reclama ao Goberno apoio institucional e colaboración económica coa construción do centro de acollida.

O voceiro do grupo, Jorge Cubela, acompañado doutros deputados populares, reuniuse con representantes da entidade para coñecer a iniciativa. Puxo en valor o traballo dos responsables de Cáritas Pontevedra, "persoas que de xeito altruista traballan e se esforzan por axudar a quen o precisa". Por iso, sinala que é importante que a Deputación de Pontevedra se implique cunha iniciativa que reforza de xeito importante a atención social nesta provincia.

Segundo explicaron desde Cáritas, entre as vantaxes deste edificio que esperan poñer en funcionamento no primeiro trimestre de 2022, destacan que está no centro da cidade, conta con gran superficie que se destinará para albergue pero que tamén contará con aulas de formación e grandes áreas ao aire libre. 

O albergue terá dispoñibilidade para 26 prazas, e contará con cociña, baños accesibles, zona de lavado de roupa para non pernoctantes e salón social. Ademais, o edificio incluirá tamén as oficinas e servizos que ofrecen Cáritas e Proxecto Home, así como habitacións tuteladas.